As asociacións terán ata o 9 de abril para solicitar cursos “Pensa en ti” e “Ti tamén contas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

As asociacións de maiores e de mulleres da provincia de Pontevedra dispoñen de 30 días (ata o 9 de abril) para solicitar algún dos cursos que a institución provincial oferta no marco dos programas “Pensa en ti” e “Ti tamén contas”.

Así se recolle nas bases do programa que hoxe publica o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e nas que, como novidade, figura que as actividades organizadas non irán destinadas unicamente ós socios das entidades solicitantes, senón que serán abertas a toda a poboación.

Aínda que terán prioridade os socios, cando non se cubran todas as prazas poderán solicitar a súa inscrición todas as persoas que así o desexen.

O obxectivo destes programas é contribuír a manter o dinamismo das asociacións e colectivos sociais ó tempo que se lles ofrece ós seus usuarios posibilidades de formación en materias do seu interese.

O programa “Ti tamén contas” vai dirixido a colectivos de maiores e a asociacións de veciños ou outras entidades de iniciativa social que, entre as súas finalidades, ten a promoción de actividades orientadas ás persoas maiores; mentres que “Pensa en ti” está orientado a asociacións que traballan no eido da muller.

Nos dous casos a Deputación oferta preto de 500 cursos nun total de 51 modalidades diferentes, que van desde actividades de artesanía (Encaixe de palillos; Vaíñas e bordados; Retallería artesá. Patchwork; Arte floral e flores secas; Cestería; Confección de bixutería; Pintura en tea ou Manualidades en tea, coiro, madeira e outros materiais), pasando por reparacións domésticas e bricolaxe (Reparacións domésticas e bricolaxe no fogar; Restauración de mobles; Reciclaxe de obxectos desbotados; Tapicería; Coida o teu vehículo…); cociña (Cociña tradicional galega; Conservación de alimentos, conservas artesanais; Elaboración de licores; Panadería e repostería; Tapas, petiscos e canapés; Repostería creativa….), ou elaboracións artesanais (Xabóns caseiros; Herboristería, herbas medicinais; Cosmética natural).

A elas súmanse cursos relacionados coa agricultura (Poda e tarefas do campo; Xardinería…); actividades físicas e deportivas (Pilates; Aeróbic; Ioga; Sendeirismo; Ximnasia de mantemento); e, ademais, Prevención de lesións e dores de costas; Técnicas de relaxación, combater o estrés e a ansiedade; Maquillaxe e manicura; Dietética e Nutrición; Técnicas de memorización e conservación da memoria; Risoterapia; Musicoterapia; Dinámica de grupo e xogos tradicionais ou  diferentes tipos de música e baile.

Pecha o catálogo de cursos un apartado de actividades orientadas ó desenvolvemento profesional e entre as que se inclúen A internet e o correo electrónico; Informática; Inglés; Corte e confección; Primeiros auxilios; Linguaxe de signos; Coidado de persoas maiores no fogar  ou Fotografía.

En total agárdase que poidan acollerse a estes cursos unhas 500 asociacións de toda a provincia.

10 de marzo de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.