A Xunta abre novas liñas de axuda para a potenciar o turismo na provincia de Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou a apertura de tres liñas de axudas, dende a Axencia de Turismo de Galicia, para a potenciación do turismo en Galicia, destinadas á promoción e comercialización turística, á contratación de persoal nas oficinas de turismo e certificación, seguimento e renovación da marca Q de calidade.
Estas axudas foron dadas a coñecer onte a través do Diario Oficial de Galicia, e as tres contan cun prazo dun mes para a concorrencia nestas.
A primeira das liñas de axuda céntrase nas subvencións para as axencias de viaxe para o desenvolvemento de actividades de promoción e comercialización turística do destino de Galicia, co obxectivo de potenciar e promocionar a imaxe da provincia de Pontevedra como destino turístico de calidade, impulsando o turismo como medio de desenvolvemento dos valores propios da cultura e identidade galegas.
Deste xeito, destinaranse 125.000 euros a este fin. “En 2013”, segundo apuntou Cores Tourís, “Pontevedra foi a máis beneficiada por esta orde de axudas, xa que das nove axencias de viaxe que solicitaron esta liña, sete correspondían a esta provincia: tres en Vigo, dous en Sanxenxo, unha en Vilagarcía e outra en Cambados”.
En relación á segunda orde de axudas publicadas onte no DOG, céntrase nas subvencións dirixidas a concellos declarados municipios turísticos co obxectivo da contratación de persoal nas oficinas de turismo durante os meses de xullo, agosto e setembro. En total, destínanse a este fin 175.000 euros por parte da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia.
Estes concellos poderán beneficiarse dunha axuda de ata 8.000 euros cos que se pode sufragar o persoal específico destas oficinas. “Estas subvencións perseguen manter a calidade no servizo de información turística nos municipios que contan con esta declaración, de xeito que poidan potenciar a súa imaxe e, ao mesmo tempo, a de toda a provincia e a comunidade galega no exterior”.
“A nosa provincia conta con 11 municipios declarados turísticos”, explicou o delegado territorial. “O pasado ano, solicitaron esta achega catro deles, obtendo cinco traballadores para as súas oficinas de turismo: Cambados, Cangas, Tui e A Guarda, concello que solicitou dous empregados”.
Q de calidade
Finalmente, a última liña de axudas fai referencia aos procesos de certificación, seguimento e renovación das normas UNE para a obtención ou o mantemento da marca Q de calidade turística do Instituto para a Calidade Turística Española.
Estas subvencións diríxense a establecementos de turismo rural, hoteleiros, apartamentos, vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, e supoñen un total de 100.000 euros.
O ano pasado, 115 establecementos recibiron estas axudas, dos cales 31 corresponden á provincia de Pontevedra.
A este respecto, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, aproveitou para recordar que na anterior convocatoria lograron a Q de Calidade Turística 6 establecementos da provincia.
En toda a provincia estrearon esta certificación as adegas do Palacio de Fefiñanes de Cambados, o Pazo de Señoráns en Meis, o Real Club Náutico Rodeira de Cangas e o Hotel Rotilio, o Hotel O Son do Mar e o Hotel Campomar, estes tres últimos no concello de Sanxenxo.











