A redacción do proxecto de acceso a Príncipe Felipe e Montecelo adxudicarase a vindeira semana
Os traballos de redacción do proxecto de acceso a Montecelo e a Príncipe Felipe desde O Marco adxudicaranse a vindeira semana, segundo anunciou hoxe o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.
Despois da apertura do sobre C, o pasado martes día 25, detectouse que dúas das dez empresas que presentaron ofertas para optar a este concurso recaen en “baixa temeraria”, polo que agora dispoñen dun prazo para xustificar esa baixa e poder así, deseguido, proceder á adxudicación.
O importe de licitación da redacción do proxecto é de 60.000 euros, que serán achegados pola Deputación.
A obra conta cun orzamento de 2.420.000 euros. A Deputación financiará o 50%, ademais de asumir a redacción do proxecto e a licitación, dirección, execución e recepción das obras e de tramitar as expropiacións. Pola súa banda, o Concello achegará o 50% restante do orzamento da execución material das obras e aboará as expropiacións, que se calcula ascenderán a uns 560.000 euros.
Louzán indicou que se realizará a relación de bens e dereitos afectados para poder iniciar o proceso de expropiación e proceder “o antes posible á licitación das obras, de forma consensuada co Concello, para que sexa o proxecto de todos”.











