A Deputación de Pontevedra pon en marcha obradoiros de autoemprego e cooperativismo no medio rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra inicia o vindeiro luns, 7 de abril, os obradoiros de autoemprego e cooperativismo no medio rural que se van desenvolver no marco do proxecto aQuelando3, cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

Estes obradoiros desenvolveranse nas comarcas de Caldas, Arousa, Baixo Miño, Deza, Val Miñor e Condado-Paradanta, e teñen como obxectivo impulsar o autoemprego nos concellos da provincia, formando e asesorando aos emprendedores sobre diferentes aspectos, como os estudos de mercado, as axudas, a xestión de cooperativas ou as diferentes fórmulas de autoemprego reguladas en España e en Galicia.

A primeira terá lugar na mancomunidade Ulla-umia e desenvolverase concretamente na casa de cultura do Concello de Portas, os días 7 e 9 de abril de 9,30 horas a 13,30 horas.

O día 7, técnicos da rede EUSUMO da Xunta de Galicia axudarán e asesorarán aos participantes neste obradoiro sobre como detectar necesidades e  ideas de negocio innovadoras. E seguiralle unha exposición de casos prácticos, coa colaboración de FADEMUR (Federación de Asociación de Mulleres Rurais) e COGAMI.

O mércores, día 9, os asistentes recibirán formación sobre Fórmulas de autoemprego, nunha actividade na que colabora AEMPE, e téncicos do IGAPE informarán das axudas ao emprendemento.

A xestión das cooperativas será o último dos temas que se abordará nestas xornadas, tamén da man de técnicos da Rede EUSUMO.

Labor conxunta

A estes obradoiros seguiranlle outros cinco que se desenvolverán en cada unha das comarcas participantes no proxecto.

Estas actividades forman parte do convenio do Pacto pola Calidade e a Productividade Social no Emprego, co que a Deputación, por medio do proxecto aQuelando3, pretende implicar aos axentes sociais e ás administracións supramunicipais no desenvolvemento do rural e dunha economía máis social.

Con este obxectivo, asinouse un convenio coas mancomunidades dos Vales Ulla-Umia, do Salnés, do Baixo Miño, de Terras do Deza e de Municipios  do Val Miñor, así como co Grupo de Desenvolvemento Rural Condado- Paradanta, Cruz Vermella Española, COGAMI, FADEMGA, Cáritas, Fundación Érguete, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia), a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE); a Asociación de Empresarios de Mediana e Pequena Empresa(AEMPE) a Asociación Provincial de Autónomos de Pontevedra, a Asociación de Empresarias de Pontevedra, os sindicatos CC.OO e UXT e a Universidade de Vigo.

Creación de Servizos de proximidade

Ao abeiro deste convenio organízanse os obradoiros de autoemprego e outras accións encamiñadas a promover, por medio da acción conxunta, o emprego nos diferentes concellos da provincia, con especial incidencia na creación de servizos de proximidade.

Neste sentido, todas as organizacións implicadas participan na planificación dos obradoiros e das actividades que se desenvolven nos diferentes municipios, co obxectivo de adecuar as mesmas á situación e ás necesidades concretas de cada área.

As persoas con inquedanzas emprendedoras que desexen participar no primeiro destes obradoiros poderán inscribirse en calquera dos concellos da mancomunidade Ulla-Umia, que son Valga, Pontecesures, Moraña, Cuntis, Portas e Caldas de Reis.

31 de marzo de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.