A Deputación de Pontevedra abre un prazo de 15 días para contratar a musealización da Casa da Navegación en Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra abre un prazo de 15 días, a contar desde hoxe, para que as empresas interesadas poidan presentar as súas propostas para a contratación do subministro, a instalación e o mantemento do equipamento museográfico do edificio Casa Carbajal, que albergará a colección visitable Casa da Navegación en Baiona.

O anuncio da institución provincial establece que o prazo de execución será de 180 días naturais e que o orzamento de licitación será de 150.000 euros para o deseño e a montaxe das salas de exposición da Casa María Carbajal dedicadas ó mundo da navegación e o mar.

O obxectivo é crear un museo vivo e dinámico que dea fe da profunda vinculación histórica de Baiona coa navegación e a súa relevancia como porto marítimo. Incluiranse representacións históricas de modelos de navíos, instrumentos náuticos, mapas, pezas arqueolóxicas recuperadas durante os traballos de ampliación do porto pesqueiro e abondosa documentación.

A empresa adxudicataria deste concurso será a responsable de deseñar e montar a exposición permanente; deseñar o equipamento e a instalación das distintas salas; subministrar e instalar (por parte de equipos técnicos especializados) os elementos de iluminación en todos os espazos destinados á exposición, que se situarán no baixo e no primeiro andar do edificio; así como instalar os filtros anti UVA nos vidros das fiestras. Deberá tamén formar o persoal da Casa da Navegación no manexo dos equipos.

Rehabilitación e superficie útil

A Casa Carbajal foi rehabilitada para convertela na Casa da Navegación mediante un convenio, por un importe total de 721.252 euros, entre a Deputación (318.626 €), o Concello (318.626 €) e Caixanova (84.000 €). O obxectivo era crear un Museo Naval fundamentado no protagonismo histórico-marítimo de Baiona e na historia naval de Galicia.

A Casa Carbajal, antiga sede do Concello, está situada fronte á casa de Pedro de Castro. Ten un alzado nobre e, unha vez restaurada, dispón dunha superficie útil de 475 m2 e 347 m en xardíns.

12 de marzo de 2014 | 20:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.