Uns 60 profesionais da xestión do ciclo da auga súmanse ao programa SANePLAN
Un total de 60 profesionais de diferentes ámbitos relacionados coa xestión integral do ciclo da auga participan durante estes días en seis xornadas técnicas que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para a mellora dos sistemas de saneamento na provincia.
As xornadas forman parte do programa europeo Life SANePLAN, unha iniciativa que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros e co que se busca o deseño e implantación dun sistema de información nas redes de saneamento e nas instalacións de depuración que permitan contar con datos fiables e exactos para racionalizar os custes de xestión do saneamento, facilitar o dimensionamento das redes e das instalacións de depuración adecuándoas ás necesidades reais de cada área e momento; diagnosticar a capacidade e funcionamento das redes de saneamento nun momento concreto e valorar cal será o seu comportamento futuro e deseñar os sistemas de saneamento máis axeitados en distintos escenarios (de incremento da poboación, de restricións económicas, de maior ou menor pluviosidade, cambios nos usos do solo….).
Implicación
Para a posta en marcha deste sistema é preciso a implicación de expertos que axuden coas súas achegas á definición do modelo máis axeitado para conseguir un mellor funcionamento dar redes de saneamento e este é, precisamente, o obxectivo das xornadas que comezaron esta semana e que se van desenvolver ata finais de marzo nas sedes da Deputación en pontevedra e Vigo.
En total serán seis xuntanzas técnicas con 12 participantes cada unha e entre os que se atopan representantes políticos da administración local con responsabilidades en materia de augas, técnicos de concellos, Deputación e Xunta de Galicia, expertos das universidades galegas e tamén da empresa privada.
O obxectivo destas reunións é a posta en marcha dunha comunidade de expertos que dea soporte ao proxecto Life SANePLAN e que durante todo o proceso contribúa ao seu desenvolvemento, para poder acadar unha planificación integrada e xestión sostible das infraestruturas de saneamento a través da tecnoloxía de precisión máis innovadora.
Nesta iniciativa participan tamén o Instituto Tecnolóxico de Galicia e unha entidade italiana de xestión ambiental da rexión da Toscana e o desenvolvemento do mesmo pretende, inicialmente e a modo de proxecto piloto, implantar os sistemas de información que se desenvolvan en 4 concellos europeos, dos cales 3 serán en Pontevedra e un da Toscana.
Posteriormente, estenderase 40 entidades españolas e a 10 italianas para, unha vez comprobados os resultados, poder avanzar na súa xeneralización.
É un paso máis no labor que a Deputación está a facer para mellorar a eficiencia dos servizos básicos dos concellos, coa finalidade de aproveitar mellor os recursos e, tamén, lograr unha xestión máis sostible económica e ambientalmente.











