Unhas 300 persoas participarán na xornada sobre a xestión de residuos da Deputación de Pontevedra e a Femp

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Unhas 300 persoas participarán o vindeiro 26 de febreiro nunha xornada de traballo sobre a xestión de residuos, que organizan a Deputación de Pontevedra e a Federación Española de Municipios e Provincias, en colaboración co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, ECOEMBES, a Asociación Nacional de Empresas de Medio Ambiente (ANEPMA) e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Baixo o título “Presente e futuro da xestión dos residuos municipais ante o novo marco normativo”, a xornada ten por obxecto comprobar en que situación está actualmente a xestión dos residuos, que camiño falta por percorrer para cumprir os obxectivos marcados pola Unión Europea e que liñas se presentan como as máis axeitadas para acadalos.

Abordaranse cuestións coma a evolución da lexislación de réxime local e as súas repercusións na xestión dos residuos municipais; os modelos supramunicipais para a prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos; ou os instrumentos financeiros necesarios para unha prestación eficiente do servizo.

Outros temas que está previsto analizar son a colaboración público-privada na xestión dos residuos; os impactos na Administración local dun sistema de depósito, devolución e retorno de envases de bebidas; e as medidas para alcanzar os obxectivos de reciclaxe que a Unión Europea esixe para 2020.

A xornada desenvolverase na sede da Deputación de Pontevedra e contará coa participación tanto de expertos en xestión de residuos, coma de responsables municipais e de empresas e organizacións relacionadas con esta materia.

Interese especial

Esta xornada súmase ás que a Deputación de Pontevedra xa organizou nos últimos anos sobre a mesma materia e ás diferentes accións que está a desenvolver para contribuír a mellorar a eficacia e eficiencia dun servizo que os concellos deben prestar e que require dun notable esforzo para poder cumprir coa lexislación vixente.

Neste sentido, a Deputación está a avanzar na posta en marcha dun servizo provincial de recollida de lixo co que, precisamente, se busca avanzar tanto na eficiencia e eficacia do servizo coma na consecución dos obxectivos da UE para 2020.

Incrementar a reciclaxe e a redución na produción de residuos é un dos obxectivos que se marca con este novo servizo, no que está previsto incluír un plan piloto de compostaxe.

A provincia de Pontevedra xera cada ano unhas 385.000 toneladas de residuos, das que só se separa un 10%.

17 de febreiro de 2014 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.