Un percorrido pola historia das xoias achega os fondos do Museo de Pontevedra aos cativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O mundo das xoias serve estes días de atractivo para atraer a nenos e maiores ao Museo de Pontevedra e para achegalos ao coñecemento dos seus fondos.

60 cativos e cativas e 20 adultos participan nos obradoiros que a Deputación de Pontevedra, a través do Gabinete Didáctico do Museo, está a organizar de forma paralela á exposición As xoias e o seu reflexo, aberta ao público no Sexto Edificio e que pode ser visitada ata o vindeiro 2 de marzo.

Malia que os obradoiros infantís do Museo adoitan atraer fundamentalmente a nenos e nenas de entre 5 e 7 anos, as xoias están a funcionar como un perfecto reclamo para cativos de entre 7 e 12 anos, que a través desta actividade non só se achegan á evolución histórica das xoias, senón tamén á riqueza dos fondos do Museo.

Ese é o seu obxectivo fundamental: ofrecerlle aos máis pequenos unha forma atractiva de coñecer os fondos do Museo e valoralos.

Bonecas recortables

Os obradoiros, que se están a desenvolver os sábados 1, 8, 15 e 22 de febreiro de 17 a 19 horas, comezan cunha visita ás pezas da mostra que maior interese poden ter para os pequenos, como un torque castrexo, o xoiel dos Austrias, reloxos de peto, colares das damas do século XIX, pinchos para sombreiros e outros elementos que espertan a curiosidade infantil e os animan a interesarse pola súa historia, a súa función e o seu uso.

Posteriormente, un xogo de 6 bonecas e 6 bonecos recortables ataviados con indumentarias de épocas diferentes e cos complementos e xoias correspondentes será o que os leve polos fondos do museo, tratando de atopar cada peza de xoiería que levan posta as figuras.

Unha vez atopado, os monitores explícanlles que é cada xoia, de que época, quen a levaba, o seu significado, etc.

Ao rematar, os pequenos elaboran un broche ou un chaveiro inspirado nos motivos naturalistas de finais do século XIX e teñen ocasión de coñecer a orixe das pedras preciosas que decoran ou coas que se elaboran as xoias.

Ágatas, diamantes, acibeches… en bruto son a base para que os monitores expliquen aos máis pequenos que eses elementos que adornan a homes e mulleres ao longo da historia son elementos da natureza, que hai que extraer da terra e traballar para que adquiran o aspecto final que teñen nas xoias.

Deseño exclusivo

Os cativos e cativas volven á casa cun xogo de bonecas para pintar e outro de bonecas e bonecos recortables coma os que utilizaron no obradoiro para recortar na casa e vestilos coas indumentarias correspondentes.

Son deseños exclusivos, xa que tanto as elaboradas para traballar no obradoiro como as que se levan para casa foron deseñadas especialmente polo persoal do Gabinete Didáctico do Museo adaptadas á exposición que serve de base ao obradoiro.

Obradoiro de abelorios

Os xoves son os adultos os que teñen ocasión de achegarse ao mundo da xoiería e aos fondos do Museo con estes obradoiros.

En total, 20 persoas (19 mulleres e un home) participan nun obradoiro de iniciación á confección de abelorios, no que teñen ocasión de coñecer a colección de xoias do Museo, a exposición As xoias e o seu reflexo, a evolución histórica da xoiería, os materiais utilizados e anécdotas, nunha combinación de teoría e práctica que os participantes valoran. Neste caso, os participantes elaboran un broche ou un colar.

14 de febreiro de 2014 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.