publicidade hoxe

Rexistran por orde xudicial o Concello de Coristanco e un grupo de empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristancoPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

Axentes da Garda Civil compareceron a mañá deste mércores no Concello de Coristanco (A Coruña) para realizar un rexistro por orde da titular do Xulgado de Instrución número un de Carballo, que tamén ordenou inspeccións nun grupo de empresas do municipio.

Segundo informaron fontes xudiciais, estas dilixencias enmárcanse nunha instrución que investiga posibles delitos de prevaricación e tráfico de influencias, a raíz da denuncia dunha empresa pola concesión a outra dunha licenza para construír unha planta de reciclaxe en Coristanco. A causa foi declarada secreta.

Polo momento non hai persoas imputadas na causa e, segundo as fontes consultadas, non é previsible que nas próximas horas se produzan detencións de forma inminente, á espera de que a xuíza estude a documentación incautada nos rexistros realizados este mércores.

Segundo fontes municipais, os axentes da Garda Civil compareceron en dependencias da Casa do Concello de Coristanco ás 9.30 horas deste mércores e solicitaron información en relación con varias contratacións dende o ano 2009 coas empresas Gesmaga S.L., Construcións e Escavacións Alejandro Martínez e Hijos (coñecida como colectores Maracaná) e Esmarlanz S.L.

Estas tres empresas pertencen a José Manuel Martínez, quen en declaracións asegurou que ten “todo legal” e defendeu a concesión a Gesmaga da licenza para construír en Coristanco unha planta de compostaxe e reciclaxe de residuos e depuración de lamas.

DÚAS SOLICITUDES PARA PLANTAS DE RESIDUOS

A concesión desta licenza por parte do Concello de Coristanco fai en torno a un ano está na orixe da denuncia presentada por supostas ilegalidades ante os xulgados de Carballo. Outra empresa situada en Coristanco e dedicada ao tratamento de residuos solicitara tamén unha licenza para a situación no municipio dunha planta de residuos, pero neste caso non lle foi concedida, polo que decidiu presentar unha querela contra a Casa do concello.

José Manuel Martínez recoñece que a súa empresa Construcciones e Escavacións Alejandro Martínez e Hijos realizan obras para a Casa do concello de Coristanco, como asfaltado e rede de sumidoiros. “Presentámonos a moitas obras e collemos algunha”, explica, pero desvincula esas adxudicacións da concesión, a mediados do ano pasado, da licenza para construír a planta de tratamento de residuos a Gesmaga, que “nunca traballou para o concello”.

Esta empresa está dada de alta dende o ano 2007 e no Rexistro Mercantil figura que se dedica á clasificación e reclasificación de residuos sólidos, así como á construción e conservación de edificios, urbanización, saneamento e abastecemento de augas, movemento de terras e similares, pero José Manuel Martínez sostén que “nunca tivo facturación” e que “nunca traballou para o Concello de Coristanco”.

Segundo asegura, a concesión da licenza para a planta de transformación de residuos “estivo a exposición pública e pasou todos os procesos”. Así, nega calquera tipo de relación persoal, máis alá da estritamente profesional, co alcalde de Coristanco, Antonio Pensado, do PP.

En canto a Esmarlanz, sobre a cal a xuíza tamén requiriu información, José Manuel Martínez puntualiza que se trata dunha promotora que montou en Lanzarote e que “non ten ningún tipo de relación co Concello de Coristanco e nunca lle facturou”. “Nunca se presentou a nada e pódese demostrar”, afirma en declaracións.

COLABORACIÓN DO CONCELLO

O Concello de Coristanco subliñou que prestou “total colaboración” aos axentes da Garda Civil e o alcalde, Antonio Pensado, do PP, comprometeuse a dar explicacións sobre o sucedido aos membros dos grupos políticos municipais este xoves pola tarde.

Segundo o propietario de Construcións e Escavacións Alejandro Martínez e Hijos, a planta de xestión de residuos que constrúe está “case finalizada e nun mes” podería estar acabada. “Poden mirar todo o que queiran, que non han nada ilegal”, conclúe, fronte ás sospeitas de ilegalidades que ten o outro centro de tratamento de residuos non perigosos situado en Coristanco.

12 de febreiro de 2014 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.