Queda deserto o concurso para a xestión das Pousadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe declarar deserto o concurso aberto para outorgar a concesión da xestión das Pousadas do Salnés e iniciar un procedemento negociado para outorgalo. O acordo foi adoptado cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE.

A mesa de contratación -formada polo interventor, o secretario, o xefe de Contratación e técnicos da Deputación- declarou deserto o procedemento aberto porque ningunha das tres empresas presentadas -a catalana STC Serveis Turistics, a canaria que opera en Galicia Mar Costas e a cambadesa Millán Servicios- presentou as acreditacións económica, financeira e técnica esixidas.

Segundo explicou o presidente, Rafael Louzán, agora, como establece a lei, iníciase un procedemento negociado con esas tres empresas e con outras interesadas que reúnan a capacitación e a solvencia económica establecida nos pregos, de 3 millóns de euros.

Invitación ós grupos e transparencia

Louzán invitou ó resto dos grupos a participar na comisión de seguimento que se creará para conseguir unha boa concesión da xestión das Pousadas que redunde en beneficio da sociedade e da propia institución, pois a adxudicataria deberalle aboar á Deputación o 10% dos beneficios que obteña.

“Ata o de agora todo o proceso foi transparente, pois en todo momento o Pleno é quén ten as facultades para a aprobación da  concesión e, para reforzar esta claridade, agora crearemos unha comisión de seguimento do procedemento negociado á que invitamos a participar a todos os grupos da institución provincial”, afirmou Louzán.

“A mellor proba de que non foi un procedemento teledirixido, como afirmou o PSOE, é que quedou deserto porque ningunha das tres empresas reunía as altas esixencias demandadas”, dixo.

O presidente confiou que a finais de marzo ou comezos abril pode estar adxudicada, polo novo procedemento, a devandita concesión da xestión.

Aval e nova subvención da Unión Europea

O presidente da Deputación lembrou que a Comisión Europea acaba de avalar o concurso realizado nunha resposta a unha pregunta do deputado socialista Antolín Sánchez Presedo, ó afirmar que “convocar un concurso para explotar instalacións públicas de modo privado non incumpre ningunha normativa europea”.

A propia Comisión, doutra banda, volveu avalar o proxecto das Pousadas do Salnés publicando o pasado 27 de xaneiro unha resolución no Boletín Europeo pola que amplía nun millón de euros máis as subvencións concedidas para desenvolver o proxecto, e visando, auditando e aprobando o proceso seguido nunha Auditoría que a Unión Europea levou a cabo o pasado 3 de febreiro.

Louzán conclúe afirmando que “máis alá das teimas persoais que algún poida ter, o proxecto das Pousadas foi aprobado polo Goberno Central, daquela nas mans do PSOE e, ata agora, xa conseguiu, polo menos, tres cousas: crear valor público para a Deputación por máis de 17 millóns de euros; recuperar elementos patrimoniais e construír novas rutas de sendeirismo e turismo; ademais de favorecer un importante nicho de emprego durante varios anos”.

28 de febreiro de 2014 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.