O Museo pontevedrés cede un cadro para a exposición sobre Darío de Regoyos no Museo de Bellas Artes de Bilbao
O Museo de Pontevedra cede unha das obras da súa colección para que forme parte da exposición “Darío de Regoyos. La aventura impresionista”, que organiza o Museo de Bellas Artes de Bilbao con motivo do centenario do pasamento do xenial pintor.
Trátase do óleo titulado “Paisaje: Peña Amboto, Vizcaya”, de 1907. Nel o pintor asturiano –naceu en Ribadesella en 1857 e morreu en Barcelona en 1913– mostra unha ampla panorámica dunha paisaxe rural vasca con campos labrados e, ó fondo, un dos tres montes máis importantes de Euskadi, o de Peña Amboto, desde o que se convocaban as Xuntas Xerais con bucinas.
A exposición para a cal o Museo de Pontevedra cede este cadro exhíbese en Bilbao; posteriormente viaxará a Madrid, onde se mostrará no Museo Thyssen-Bornemisza desde o 18 de febreiro ata o 1 de xuño de 2014.











