O Centro de Día Príncipe Felipe oferta 120 prazas, que se poderán solicitar ata o 27 de marzo
O Centro de Día Príncipe Felipe oferta 120 prazas para o novo curso, que se poderán solicitar ata o 27 de marzo. Así se recolle nas bases reguladoras de admisión neste Centro, que aprobou a Xunta de Goberno da Deputación na súa reunión semanal.
As prazas van destinadas a nenos e nenas, de entre 4 meses e 16 anos, que pertenzan a familias con especiais dificultades e que, por diversos motivos, precisen dun apoio diario e puntual para completar a formación e o coidado dos seus fillos.
O Centro está orientado a apoiar as familias, prestándolles unha atención integral ós seus nenos, non só axudándolles a cubrir as necesidades básicas dos cativos, coma a alimentación e a hixiene, senón impulsando e potenciando a integración familiar e social e o desenvolvemento persoal dos pequenos.
Con este obxectivo, os nenos reciben aloxamento diúrno, atención durante o curso lectivo, alimentación, apoio e seguimento escolar ou material escolar. Finánciaselles, así mesmo, o transporte de ida e volta ó domicilio familiar, organízanse actividades e realízase un labor de colaboración para tratar de que se normalice a súa situación familiar.
O servizo –que busca garantir o benestar dos menores e darlles unhas mellores condicións de saúde, hixiene e nutrición, así como evitar o absentismo escolar e fortalecer a capacidade de protección e educación das familias– é financiado pola Deputación de Pontevedra, que, só en gastos de alimentación dos menores, inviste neste Centro 85.000 euros por curso.
Durante a súa estancia no Centro de Día, os menores participan en actividades de apoio e seguimento escolar pero tamén en diversas actividades de lecer, coma obradoiros de educación para a saúde, deporte, música, habilidades sociais ou traballos manuais. Ademais, reciben asistencia médico-sanitaria en caso de urxencia, formación en hixiene e hábitos de saúde, e información, orientación e apoio psicoeducativo.











