Deputación de Pontevedra e Incyde amplían nun millón de euros o financiamento do viveiro de empresas Barro-Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Deputación e Incyde incrementarán en un millón de euros a partida económica destinada a financiar a construción de viveiros de empresas na provincia de Pontevedra. O obxectivo desta addenda é ampliar a capacidade prevista para o viveiro de Barro-Meis, equipalo, e desenvolver un proxecto ambicioso que non só incluirá despachos e oficinas, senón tamén as coñecidas como “naves-niño”, pequenas naves orientadas a emprendedores que pretendan desenvolver proxectos de carácter máis industrial, como talleres, pequenas empresas de produción ou similares.

Así se recolle na addenda ao convenio polo que ambas as dúas institucións acordaron no seu día colaborar no apoio ao emprendemento na provincia e que foi asinada esta mañá entre o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado, que destacaron que a intención é primar a instalación no viveiro e o conseguinte desenvolvemento de iniciativas empresariais xuvenís.

Neste sentido, Javier Collado subliñou que a decisión de reforzar o viveiro de Barro-Meis con máis financiamento partiu da aposta que a Deputación está facendo pola inserción laboral dos mozos e mozas, cos plans de práctica laboral.

Así, subliñou que esta é unha liña na que desde o Incyde e desde a Deputación se quere facer especial fincapé, contribuíndo así activamente a dar cumprimento ao establecido na denominada “garantía xuvenil” posta en marcha pola UE.

2,5 millóns de euros

Desta forma, o financiamento dos viveiros de empresas de Barro-Meis e Lalín ascende a un total de 2,5 millóns de euros, dos cales 2 millóns os achegará Incyde a través de Fondos europeos FEDER e os 500.000 restantes a Deputación.

Os viveiros disporán de espazo para oficinas e naves, pero tamén de servizos complementarios de utilidade para os empresarios e emprendedores que se instalen neles, como obradoiros de formación, salas de videoconferencia, aulas formativas ou salóns de actos.

No caso de Barro-Meis, a Deputación xa resolveu o concurso de ideas para a redacción do proxecto, que gañaron os arquitectos vigueses Juan Bautista Pons e Lucas Gándara e que agora se desenvolverá coa intención, manifestada polo presidente da Deputación, de que o viveiro de empresas estea rematado nos primeiros meses de 2015.

O centro construirase nunha parcela de algo máis de 5.000 metros cadrados.

En Lalín, o viveiro ubicarase no polígono industrial de Lalín 2000, nunha parcela de 2.000 metros cadrados e o edificio terá unha superficie construída de 1.600 metros cadrados en dúas alturas.

Formación

No marco deste convenio para a promoción de empresas en Pontevedra, Deputación e Incyde desenvolveron tamén diversas accións formativos en diversos puntos da provincia.

En total impartíronse 12 programas de formación centrados en temas como Apoio ao Comercio Minorista, Creación e consolidación de emprego e autoemprego ou Programa de industria gandeira e láctea, que se desenvolveron en A Estrada, Vilagarcía, Cangas, A Cañiza, Ponteareas ou Lalín, entre outros.

6 de febreiro de 2014 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.