Cogami reúnese con Cores Tourís para dar a coñecer a súa actividade formativa e de inserción laboral

Cores Tourís na reunión con Cogami
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá ao presidente de Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), Anxo Queiruga, que aproveitou o encontro para presentar a súa memoria de actividades formativas do ano pasado destacando os catro alumnos contratados grazas ao curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos Xerais en Pontevedra.
Durante o seu encontro, o responsable da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade trasladáronlle ao delegado territorial o labor desenvolvido ao longo do 2013, destacando que “aínda que estivo marcado polas graves dificultades económicas nas que nos atopamos, conseguimos continuar a traballar pola creación de emprego”.
“Explicámoslle ao delegado territorial que a nosa confederación é unha entidade sen ánimo de lucro constituída por preto de 50 asociacións e que presta servizo a máis de 60.000 persoas ao ano, ademais de xestionar directamente 12 iniciativas empresarias de economía social que emprega a máis de 500 persoas con discapacidade”, engadiu Anxo Queiruga.
O presidente de Cogami trasladou a Cores Tourís o interese da confederación en continuar a desenvolver cursos AFD ao longo do presente ano, en concreto, en relación a servizos administrativos e tratamento de datos. “En 2013 desenvolvemos un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos Xerais na cidade de Pontevedra no que se formaron 15 persoas e que permitiu a contratación de catro alumnos con discapacidade física e psíquica por outras tantas empresas”, explicou Queiruga.
O máximo responsable da confederación aproveitou a visita para invitar ao delegado territorial a coñecer as instalacións do Centro de Recursos para persoas con gran Discapacidade física coas que conta Cogami no barrio pontevedrés de Monteporreiro.











