Avaliada a operatividade dos cambios puntuais de referencia vixentes do CHUP desde setembro de 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Comisión Asistencial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra -órgano de representación facultado por elección dos propios profesionais e conformado por xefes de servizo, xefes de sección, persoal de enfermaría, persoal non sanitario, etc- avaliou a axeitada operatividade asistencial dos cambios puntuais de referencia vixentes desde o pasado mes de setembro de 2013, conforme unha pequena porcentaxe de patoloxías concretas se derivan ao CHUS compostelán para recibir a atención sanitaria pertinente.

No transcurso dunha xuntanza técnica celebrada en pasadas datas, a Comisión Asistencial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra analizou pormenorizadamente a evolución da nova planificación -que leva cinco meses operativa- e que, en opinión dos profesionais, mantén dende a súa posta en marcha un satisfactorio funcionamento tanto desde o punto de vista científico-técnico coma desde o punto de vista asistencial, sen merma para a calidade do servizo.

Cómpre sinalar que a Comisión Asistencial constitúe un dos piares máis importantes para o mantemento e a potenciación das estratexias de calidade sanitaria do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra É un órgano colexiado de asesoramento técnico á Dirección hospitalaria. Entre as súas competencias fundamentais está a participación activa nas políticas de mellora contínua da calidade asistencial prestada en todas as especialidades.

Debate ficticio

Tendo en conta a relevante avaliación técnica aportada por esta Comisión Asistencial, a Administración Sanitaria galega amosa a súa perplexidade polo debate ficticio xerado nas últimas semanas entre diversos colectivos da comarca, dado que a planificación e os cambios de referencia vixentes desde o pasado mes de setembro están a beneficiar asistencialmente aos pacientes de xeito inequívoco e ademáis contan coa avaliación de profesionais do sistema sanitario público galego.

Deste xeito, o Servizo Galego de Saúde continuará a traballar na área de xestión integrada para seguir garantindo a equidade, a accesibilidade, a continuidade, a calidade e a seguridade dunhas prestacións sanitarias públicas centradas na atención integral aos pacientes -que son os eixes do sistema- e coa implicación dos profesionais na toma de decisións.

Relevancia da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias

Así mesmo, cómpre lembrar que a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias incorpora un valor de gran relevancia para os usuarios do sistema sanitario público galego, como son os seus dereitos de libre elección de médico, enfermería e hospital na rede do Servizo Galego de Saúde.

Ademais desa libre elección, cómpre lembrar que esta Lei inclúe os compromisos de garantía de tempos de espera, das instrucións previas, e de que os cidadáns poidan dispoñer da mellor información que precisan para adoptar as súas decisións en total liberdade.

8 de febreiro de 2014 | 11:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.