Ábrese o prazo para que os concellos soliciten as axudas da Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra acaba de publicar as bases que regulan o Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, polo que os concellos interesados en beneficiarse destas achegas poderán presentar as súas solicitudes desde mañá ata o vindeiro 6 de marzo.

A Deputación destina 2.247.530 euros ó financiamento deste servizo nos concellos de menos de 20.000 habitantes, e faino, por primeira vez, cun sistema de bases e non mediante convenios individuais, que era como se estaba a realizar ata o de agora.

A contía das achegas varía en función dos servizos que cada Concello desenvolva e cubre tanto o servizo de axuda no fogar (recursos humanos e materiais) coma o custo salarial dos profesionais que traballan nos servizos sociais municipais, distintos do traballador social.

Contías

No caso do servizo de axuda no fogar, a contía das achegas varía entre os 9.000 euros e os 38.000 euros, e ten por obxecto tanto o pagamento dos custos salariais do persoal que traballa neste servizo coma do material necesario para prestalo.

En canto á contía máxima que a Deputación destinará ós concellos para o financiamento dos custos salariais do persoal complementario ó traballador social, as bases establecen contías en función da xornada laboral e da categoría profesional do traballador.

Estas contías oscilan entre os 4.208 euros dun limpador a media xornada ata os 18.062 dun titulado superior a xornada completa.

Así mesmo, en xornada completa, a contía establecida para un titulado medio é de 15.013 euros; para un técnico de grao superior, 14.000 euros; para un técnico de grao medio ou un monitor, 13.521 euros; e para un auxiliar de clínica, coidador ou auxiliar administrativo, 12.028,57 euros.

No caso da media xornada as contías establecidas son xusto a metade.

4 de febreiro de 2014 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.