Abre o prazo de inscrición nas escolas infantís da Galiña Azul en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O prazo para a presentación de solicitudes nas escolas infantís A Galiña Azul está aberto ata o día 21 de marzo inclusive. Así o anunciou hoxe na cidade de Pontevedra a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, quen explicou as novidades da convocatoria para o próximo curso.

Na rolda de prensa, a directora xeral estivo acompañada da secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, así como da xefa territorial de Traballo e Benestar de Pontevedra, María Peón.

Os requisitos e procedementos para a solicitude de prazas publicáronse o pasado venres no Diario Oficial de Galicia (DOG). A resolución cos prazos e o lugar de presentación das instancias pode consultarse a través da web www.escolasinfantis.net ou no propio centro, onde se queira matricular ao neno ou nena.

Segundo se sinala no devandito anuncio do DOG, o prazo para a presentación de solicitudes de renovación de praza ou de novo ingreso será dende o 22 de febreiro ata o 21 de marzo inclusive, as listas provisionais de admitidos publicaranse o día 2 de maio e as listas definitivas, o día 27 de maio. O prazo para formalizar a matrícula dos nenos e nenas admitidos será dende o 28 de maio ata o 10 de xuño, ambos os dous incluídos. O curso comezará o 4 de setembro.

A oferta total da Xunta para o curso 2014/2015 ascende en toda Galicia a un total de 8.750 prazas en 148 escolas infantís. Na cidade de Pontevedra, a rede autonómica conta cun total de 6 escolas infantís e 487 prazas, o que supón un incremento do 127 por cento con respecto ao ano 2009. Esa oferta inclúe unha escola, a do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, que terá un procedemento de matrícula independente ao estar as prazas reservadas para os fillos de traballadores da Administración autonómica. Na provincia de Pontevedra, a oferta actual de prazas 0-3 é de 3.309, un 65,5 por cento máis que en 2009.

É preciso destacar que a planificación da Consellería de Traballo e Benestar para a área territorial de Pontevedra inclúe actualmente tres novas escolas, que se construirán nos concellos de Tomiño, Marín e Ponteareas con 61,41 e 74 prazas respectivamente.

Novidades no procedemento

A orde que regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís inclúe algunhas novidades. Así por exemplo, no baremo para nenos e nenas que solicitan praza por primeira vez nunha escola a puntuación otorgada a cada pai e nai en situación laboral de ocupación increméntase, pasando de 5 a 6 puntos. É preciso lembrar que xa o ano pasado este baremo incrementouse nun punto.

Tamén no que respecta ao baremo, outorgaránselle, como novidade, 3 puntos aos beneficiarios dunha Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) que se atopen no tramo de inserción, co fin de dar cumprimento á Lei de Inclusión Social de Galicia, que entrou en vigor en xaneiro deste ano e co obxectivo fundamental de facilitar a vida laboral e familiar ás persoas perceptoras de RISGA.

Así mesmo, as familias cunha renda pér cápita igual ou inferior aos 7.500 euros anuais beneficiaranse dunha exención total de cota a partir do segundo fillo que acuda á mesma escola infantil.

Destacar tamén que se inclúe o suposto de enfermidade grave para xustificar a necesidade de que un neno ou nena asista á escola infantil en periodos en que os centros permanecen pechados. Ata agora a xustificación desa necesidade era unicamente por motivos laborais.

Fóra de prazo e cheque infantil

Ademais, e ao igual que o ano pasado, as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación admitiranse ata a data anterior á publicación da relación provisional de admitidos (2 de maio) co fin de concretar e unificar prazos en toda Galicia.

A documentación para optar a cheque infantil presentarase coa solicitude de praza nas escolas, como xa se fixo o ano pasado co propósito de axilizar a tramitación do mesmo.

 

25 de febreiro de 2014 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.