publicidade hoxe

A Xunta investiu máis de 15,5 millóns de euros na seguridade viaria nos concellos do Incio e Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoO IncioSarria
A-
A+

A Xunta de Galicia leva invertido en materia de conservación e seguridade viaria dende o ano 2009 máis de 15,5 millóns de euros nos concellos de Incio e Sarria. Así o manifestou esta mañá durante a súa intervención en Comisión Parlamentaria a directora da Axencia Galega de Infraestrutura, Ethel Vázquez, tras ser preguntada pola reforma da estrada LU-641 (Castrocan – Xirgueiros) ao seu paso polos municipios de Sarria, Samos e O Incio.

Durante a súa intervención, Ethel Vázquez explicou que, dentro do contexto económico actual, a Xunta de Galicia está a priorizar en materia de estradas aquelas actuacións de conservación e de seguridade viaria nos puntos da rede autonómica onde máis o necesitan.

A día de hoxe a estrada LU-641 conta cunha intensidade de tráfico e uns niveis de sinestralidade baixos en relación coa media de toda a Rede Autonómica de Estradas de Galicia. En concreto, a intensidade media de tráfico é de 579 vehículos por día e entre os anos 2009 -2013 rexistrou un único accidente con vítimas e outro cun ferido leve no 2011.

Tendo en conta as características do vial a directora da AXI explicou que a actuación a analizar será en todo caso de rehabilitación do firme e mellora da sinalización horizontal, e non unha actuación de baixa IMD mellorada.

Inversións en seguridade viaria

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) ven desenvolvendo dende o ano 2009 nos concellos do Incio e Sarria diversas actuacións en materia de seguridade viaria que ascenden a máis de 15,5 millóns de euros de inversión pública, en concreto 6,5 millóns de euros no concello de Incio e 9,15 millóns de euros no municipio de Sarria.

Ademais destas actuacións centradas na mellora da seguridade viaria das estradas, nestes concellos cabe destacar a obra dos distintos treitos do Corredor entre Nadela – Monforte. Concretamente, o tramo Nadela-Sarria supuxo un investimento de preto de 72 millóns de euros, mentres que o tramo Sarria- Monforte, en execución, supón un orzamento de 81 millóns de euros.

20 de febreiro de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.