A finais de febreiro remata o prazo para o fraccionamento sen custos do pagamento do IBI, IAE e Imposto de Vehículos
O vindeiro 28 de febreiro remata o prazo para que as persoas interesadas en fraccionar os seus recibos de bens inmobles, actividades económicas e vehículos de tracción mecánica se poidan acoller ó plan personalizado de pagamento posto en marcha pola Deputación de Pontevedra a través do ORAL.
Este plan ofrécelles ós contribuíntes dos concellos adheridos ó ORAL a posibilidade de fraccionar, en 8 cotas e sen xuros, os recibos do IBI, IAE e IVTM, e poderán seleccionar cales queren incluír no plan. A condición para poder acollerse é que o recibo ou recibos que se fraccionen sumen a contía total de 240 euros anuais.
O obxectivo desta medida é darlles ós contribuíntes facilidades para o cumprimento das súas obrigas tributarias, xa que, ademais de permitirlles un pagamento gradual dos impostos, fai máis doada a súa xestión, ó agrupalos e poder xestionalos como un só, independentemente de que estes sexan dun único concello ou de máis dun.
As persoas interesadas poderán descargar os formularios a través da web, na dirección www.depo.es/web/edepo/oral2, e terán de prazo ata o día 28 deste mes para presentalos.
Se non hai orde en contra por parte do contribuínte, o fraccionamento renovarase automaticamente en todos os exercicios.











