A Deputación de Pontevedra saca a licitación obras por 1,5 millóns de euros en 9 concellos da provincia
A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o expediente de contratación de obras en 9 concellos da provincia, por un importe total de 1,5 millóns de euros, entre as que se atopan a pavimentación da rúa da Igrexa no concello de Cuntis e a mellora da rede de abastecemento en varios núcleos do concello da Lama.
Ademais, inclúense actuacións de mellora de estradas, rúas, pistas e camiños rurais na Estrada, Forcarei, A Guarda, A Lama, O Porriño e Redondela e tamén a creación dun parque urbano no Porriño.
Empedrado da rúa da Igrexa
No que respecta ás obras de pavimentación da rúa da Igrexa en Cuntis, a Xunta de Goberno aprobouna sacar a licitación por un importe de 196.087,05 euros.
O obxectivo destas obras é adecuar o estado desta rúa á súa situación en pleno núcleo urbano de Cuntis, dándolle maior peso ó uso peonil e dotándoa dun pavimento acorde coa contorna.
Así, os traballos consistirán no empedrado de toda a rúa e na colocación dos servizos necesarios de abastecemento, saneamento, iluminación e telecomunicacións.
Tamén se creará unha zona axardinada e un ramal de enlace desta rúa coa praza da Constitución.
Abastecemento na Lama
Pola súa banda, o Concello da Lama pretende mellorar o abastecemento nos seus núcleos rurais, para o que a Deputación financiará as obras de mellora da rede na Fentosa, O Campo, Ventoselo, A Paradela e Gaxate.
Estes traballos saen a licitación por un importe de 71.706,56 euros e incluirán a construción de dous novos depósitos de 50 m3 cada un (un en Ventoselo e outro na Fentosa e O Campo) e as correspondentes conducións a todos os núcleos.











