A Deputación de Pontevedra inicia xuntanzas de traballo con 1.650 empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, informou hoxe en rolda de prensa de que, no proceso para desenvolver a creación da Plataforma Tecnolóxica do proxecto “Smart, Destino Turístico Rías Baixas”, que a institución provincial desenvolve, cun orzamento de 2,5 millóns, realizáronse xa 18 sesións en vilas e cidades da provincia nas que participaron 276 empresas do sector (hoteis, restaurantes, bodegas, axencias, empresas complementarias, etc.).

Louzán informou que o vindeiro luns, dia 10, se inicia unha segunda fase do proxecto na que un equipo de 10 técnicos se entrevistará con 1.650 empresas e asociacións relacionadas co sector turístico co obxectivo de definir o Destino Intelixente Rías Baixas.

Destinos e comercialización

Nas xuntanzas de traballo celebradas ata o de agora o sector turístico provincial demandou melloras nas sinalizacións, o coidado do patrimonio e mellores comunicacións cara o exterior -sobre todo aéreas- e valorou moi positivamente accións promocionais como La Vuelta a España.
Segundo explicou Louzán, os empresarios demandaron tamén  publicitar as Rías Baixas non do xeito tradicional senón promovendo eventos pois como dixo un deles “Turismo é  emoción”.

Na definición das Estratexias de Destino, nas xuntanzas celebradas ata agora os empresarios piden potenciar as Rías Baixas en novos mercados, como México e os E. U. A., continuar en Europa cunha estratexia de proximidade e, no ámbito español, realizar acción promocionais en comunidades como Asturias (pola apertura da Autopista do Cantábrico) e Cataluña (polo carácter viaxeiro da súa sociedade e polo alto gasto que producen).

En asuntos relativos á comercialización valoran a creación dunha  plataforma tecnolóxica bidireccional (o chamado turismo 2.0) e suxiren campañas como a creación e promoción de eventos (surf, exhibicións de voos Red-Bull, recreacións históricas, etc.); promoción a través dos centros galegos do exterior; presenza nas Guías Repsol, Michelín, etc.; anuncios en Tv; dedicación especial a Blogs turísticos, xornalistas e prescriptores turísticos especializados, etc.

Selo de calidade

En relación á creación da plataforma tecnolóxica turística, incluída no proxecto “Smart Rías Baixas Destino Intelixente”, os representantes das empresas aconsellan crear un filtro en canto ás empresas que se inclúan nela para garantir a marca Rías Baixas e suxiren que se inclúan as que teñan selo de calidade.

O presidente da Deputación, que informou do desenvolvemento do proxecto turístico na xunta de goberno, considera que este plan cofinanciado pola UE “é outro chanzo máis na nosa aposta por un turismo de calidade que ven a reforzar a posición das Rías Baixas na vangarda dos destinos turísticos de España”.

Como dixo, “crear un Destino Intelixente require un proceso de transformación do actual tecido empresarial e por iso esa iniciativa busca coñecer as necesidades do sector, facéndoo partícipe da definición do novo modelo de prestación de servizos e das ferramentas que deben utilizar para mellorar a comercialización dos seus productos”.

Obxectivos e estratexia

O obxectivo do “Smart” é facer das Rías Baixas un destino máis competitivo, máis diferenciado e máis fiable “e isto só o conseguiremos profundando na colaboración co sector privado no rigor, na competitividade, na eficiencia e no servizo”, asegurou Louzán.

En base a ese obxectivo, indicou que a estratexia da Deputación diríxese “á internacionalización, á colaboración público-privada, a accións tendentes a ampliar e desestacionalizar a nosa oferta, a potenciar a calidade e asociar as Rías Baixas co turismo da cultura e das Emocións, sempre baixo a bandeira da calidade”.

7 de febreiro de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.