A Deputación de Pontevedra estuda estender a devolución de parte da paga extra a todo o seu persoal
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, subliñou esta mañá que os servizos de intervención da Administración provincial xa están a estudar a posibilidade de estender a devolución da parte devengada da paga extra a todo o persoal.
Así o anunciou nunha comparecencia de prensa, tras reunirse co presidente nacional do CSIF, Miguel Borra Izquierdo, e cos presidentes autonómico e provincial desta central sindical, José Francisco Méndez Castro e Eduardo Rejo Portela, respectivamente, cos que tamén abordou esta sentenza, ademais doutras cuestións relativas á Deputación e á situación xeral da provincia.
Louzán subliñou que, tras a comunicación, a última hora da tarde de onte, dunha sentenza na que se lle indica á Deputación que debe devolverlle parte da paga extra ó seu persoal laboral, “o que vai facer, despois de analizalo esta mañá cos técnicos desta casa, é proceder ó abono desa cantidade a cada un dos traballadores”.
A contía que se vai devolver ascende a algo máis de 30.000 euros e aféctalles a 137 traballadores.
Situación de desigualdade
Malia todo, Rafael Louzán incidiu en que, con esta sentenza, “certo é que se queda o resto dos traballadores, máis de 700 funcionarios, nunha situación diferente” que é preciso analizar.
Nesta liña, afirmou que “imos abordar cos servizos de intervención desta casa esa situación”, co obxectivo de, se a lei o permite, estender a devolución da parte da paga extra correspondente a todo o persoal da Deputación.
Ó seu xuízo, “se a lei ampara os laborais, todo dá a entender que non debería deixar fóra os funcionarios, que teñen os mesmos dereitos”.
Non obstante, incidiu en que haberá que agardar porque “aínda que eu quixera facelo de maneira automática, non se pode facer”.
O presidente da Deputación quixo aproveitar para agradecerlle a todo o persoal o seu labor, porque “nesta institución hai unha satisfacción xeneralizada polo seu traballo e pola súa responsabilidade”.
Paro
Rafael Louzán tamén se referiu ós datos do paro, incidindo en que “non son as mellores noticias que se puideran recibir, pero agora o que hai que facer é reverter esa situación canto antes”.
O presidente da Deputación lembrou que xaneiro é “sempre un mes difícil”, pero ademais nesta ocasión dáse un problema engadido, que é o do mal tempo, que está a facer que moitas empresas “non activen os seus contratos pola situación climatolóxica”, que lles impide comezar as obras.
Louzán recalcou o grande esforzo inversor que está a realizar a Deputación, que cada semana está a adxudicar obras por importe de varios millóns de euros e que permiten manter e xerar emprego nas empresas da provincia, pero que nestes momentos moitos deses traballos non poden iniciarse.











