A Deputación de Pontevedra destina 20 millóns de euros ás actuacións urxentes para paliar os danos do temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra activou, na súa Xunta de Goberno desta mañá, un plan de actuacións urxentes para que os concellos poidan facer fronte de inmediato, entre outras actuacións, á deterioración que as infraestruturas municipais sufriron como consecuencia dos sucesivos temporais e dos máis de dous meses de mal tempo que se están a rexistrar na provincia.

O presidente da Deputación informou en rolda de prensa que a Administración provincial destinará 20 millóns de euros a dúas liñas de axudas e subvencións ós concellos para que poidan contratar operarios e realizar investimentos na mellora de infraestruturas.

Destes 20 millóns de euros, 15 irán destinados a axudas para a realización de obras prioritarias, co obxectivo de responder á imperiosa necesidade que nestes momentos teñen os municipios de reparar os danos que o mal tempo ocasionou en infraestruturas e servizos básicos.

Os concellos disporán de 30 días desde a publicación das bases deste plan para solicitar acollerse a el.

En canto ós 5 millóns restantes, serán para a contratación de 800 operarios; a Deputación  cubrirá o custo salarial completo, incluída a Seguridade Social.

A distribución dos operarios realizarase en función da poboación do municipio, e os concellos deberán destinalos á realización de tarefas necesarias para o bo funcionamento dos servizos ou que sexan fundamentais para a mellora da calidade de vida dos veciños.

Rafael Louzán recalcou que se trata dunha medida coa que se quere responder a unha demanda que os gobernos municipais lle están a trasladar á Deputación nas últimas semanas, ante a deterioración de moitas infraestruturas e servizos municipais.

Así mesmo, o presidente da Deputación anunciou a próxima activación dun plan de actuacións no litoral para a recuperación dos espazos danados polo mal tempo na costa da provincia, que se concretará nunha xuntanza coa xefa provincial de Costas do Estado que terá lugar o vindeiro martes.

21 de febreiro de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.