A Deputación de Pontevedra abre un prazo de 20 días para optar a 25 bolsas de práctica laboral para persoas con discapacidade
A Deputación de Pontevedra abriu hoxe un prazo de 20 días hábiles para optar a 25 bolsas de práctica laboral para persoas con discapacidade e de 10 días hábiles para que graduados, diplomados ou técnicos de Turismo opten a outras 28 bolsas relacionadas coa súa especialidade.
A primeira convocatoria vai dirixida a persoas con discapacidade que sexan titulados universitarios ou de formación profesional, sen experiencia laboral previa. Para optar ás 25 bolsas cunha duración de 6 meses e remuneradas con 800 € ó mes para os universitarios e con 700 € para os de ciclos superiores de formación profesional deben ter un grao de discapacidade igual ou superior ó 33%, estar empadroados en concellos pontevedreses, non ser beneficiarios anteriormente doutras bolsas da Deputación e non ter experiencia laboral previa.
A selección dos 25 bolseiros terá lugar en dúas fases. A primeira será un concurso e valoración da documentación presentada (expediente académico, cursos de posgrao, tempo de finalización dos estudos e outros) e a segunda, unha entrevista persoal onde se comprobará a preparación dos candidatos nas materias relacionadas coas actividades que desenvolverán no seu centro de destino.
Para persoas con discapacidade saen 4 bolsas de ciclo superior de Saúde Ambiental; 3 de Educación Social ou Mestre; 3 de Dereito; 2 para as especialidades de Filoloxía Inglesa ou Galega, Historia, Historia da Arte e Psicoloxía; e 1 bolsa para titulados en Administración e Finanzas, Proxectos Urbanísticos, topógrafos ou Obra Civil, Artes Gráficas, Traballo Social, Enxeñería Industrial, Dereito ou Xornalismo.
Bolsas para oficinas turísticas de 24 concellos
A convocatoria de 29 bolsas de Turismo é para promover e completar a formación de diplomados, graduados ou técnicos de Turismo en oficinas de turismo provinciais.
En concreto convócanse 12 bolsas de 6 meses de duración para as oficinas de Baiona, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, Lalín, Nigrán, Sanxenxo, Redondela, Ribadumia, Tui e Vilagarcía de Arousa; ademais de 16, de 3 meses de duración, para os concellos da Illa de Arousa, Bueu, Cuntis, Caldas de Reis, A Estrada, Gondomar, Marín, Oia, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilanova de Arousa.
As bolsas están retribuídas con 800 € ó mes para graduados e diplomados e 700 € ó mes para técnicos superiores. A selección dos bolseiros será, igual que no caso das dirixidas ás persoas con discapacidade, mediante concurso e valoración da documentación e posterior entrevista para os que superen o corte.











