50 concellos xa se adheriron ó plan da Deputación para substituír caldeiras de gasóleo por biomasa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, subliñou esta mañá, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, a “extraordinaria acollida do plan para a substitución de caldeiras de gasóleo por caldeiras de biomasa” que está a impulsar a Administración provincial. Nestes momentos xa se acadou a adhesión formal de 50 dos 54 concellos que teñen caldeiras de gasóleo nos seus edificios públicos.

Nos concellos adheridos substituiríanse un total de 98 caldeiras das 102 existentes. Corenta destas caldeiras corresponden ás propias casas do Concello, 23 a instalacións deportivas e as restantes a bibliotecas, centros sociais ou culturais, escolas infantís ou auditorios.

O obxectivo deste programa, que o presidente da Deputación xa anunciou que se desenvolverá en colaboración e de forma coordinada coa Xunta de Galicia, é conseguir un notable aforro económico –que se estima por riba do 45%– e, sobre todo, “promover unha política ambiental respectuosa co contorno e sustentable no tempo”.

Así, a maiores do aforro económico, a aposta pola biomasa implicará unha redución da emisión de CO2.

Asistencia técnica

Para avanzar neste programa a Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha a contratación dunha asistencia técnica que elabore os anteproxectos de obra e os estudos económicos para cada unha das 98 instalacións.

Os anteproxectos incluirán tanto os traballos necesarios para a substitución da maquinaria e da tubaxe dos sistemas de calefacción e auga quente sanitaria coma a obra civil complementaria que resulte preciso realizar para a instalación dos novos mecanismos.

Aforros

Segundo o estudo realizado polos técnicos da Deputación para a implantación deste proxecto, que lles foi presentado ós alcaldes o 28 de novembro do pasado ano, permitiría reducir en 2 xigawatts/hora a enerxía consumida e eliminar a emisión de 3.000 toneladas de CO2 á atmosfera.

Ademais, a substitución dunha caldeira de gasóleo de 40 quilowatts por outra de biomasa suporía aforrar 7,2 kW/h e 2.177,48 euros ó ano.

7 de febreiro de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.