2.500 cativos da provincia de Pontevedra poderán participar nos campamentos da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra ofreceralles, un ano máis, a posibilidade de gozar dunha semana de estancia en campamentos de verán a 2.500 nenos e nenas de toda a provincia.

Con este obxectivo aprobou as bases que rexerán os campamentos da Lanzada, para os que se convocan 2.200 prazas, e dos campamentos polideportivos do Centro Príncipe Felipe, que darán cabida a 300 cativos.

Na Lanzada os campamentos desenvolveranse en 11 quendas de 200 nenos cada unha; a primeira será do 22 ó 28 de xuño, e as seguintes terán lugar nas semanas sucesivas, ata rematar na quenda do 31 de agosto ó 6 de setembro.

Estes campamentos están dirixidos a nenos de entre 8 e 13 anos e teñen unha elevada demanda. Neles os participantes gozan de actividades variadas, coma teatro, contacontos, xogos e deportes, actividades artísticas e culturais, entretemento nocturno, sensibilización ambiental ou actividades na praia.

Así mesmo, os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe desenvolveranse en 6 quendas, de 50 participantes cada unha, e van dirixidos a nenos de entre 7 e 14 anos. A primeira quenda será do 7 ó 12 de xullo e a última do 18 ó 23 de agosto.

Tanto nun caso coma no outro os interesados poderán solicitar a súa participación nos campamentos desde o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra ata o 1 de abril.

Dado que habitualmente a demanda de prazas supera a oferta, farase un sorteo entre todos os inscritos para adxudicar as prazas dispoñibles en cada un dos campamentos; neste sorteo terán prioridade os nenos que non participasen neles o ano pasado.

Trátase de dúas iniciativas que teñen unha extraordinaria acollida entre os máis pequenos e as súas familias, xa que contribúen tanto á conciliación da vida familiar e laboral coma ó desenvolvemento social e persoal dos máis pequenos.

24 de febreiro de 2014 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.