publicidade hoxe

Veciños da fronteira protestan contra unha liña de alta tensión que unirá por Arbo a comunidade galega e Portugal

Europa Press
Protesta pola liña de alta tensión

Protesta pola liña de alta tensión

Máis dun centenar de veciños de Arbo (Pontevedra) e de municipios portugueses fronteirizos desprazáronse este xoves a Santiago para protestar contra a construción dunha liña de alta tensión que pasará preto de núcleos habitados.

O portavoz deste grupo de veciños, Agapito Balado, explicou en declaracións aos medios que representantes de Rede Eléctrica Española comunicaron xa a varios deles a ocupación das terras, polo que a instalación da liña de 400 quilowatts é “inminente”.

Os afectados desprazáronse até a compostelá Praza do Obradoiro cun cadaleito para chamar a atención sobre a súa protesta e simbolizar a súa preocupación, posto que o seu rexeitamento a este proxecto débese a que a liña de alta tensión é “unha ameaza” para as súas vidas porque o electromagnetismo “é prexudicial para a saúde das persoas”.

“Produce cancro, enfermidades cardiovasculares, deformacións xenéticas e demencia senil moito máis acusada”, protestou Balado, que precisa que os veciños non se opoñen á construción dunha liña destas características para conectar España e Portugal, pero piden que se instale lonxe de zonas habitadas. “Hai monte suficiente”, apuntou.

En concreto, explicou que en Arbo a liña pasará entre as parroquias de Sela e Barcela por un núcleo de vivendas. Algunhas delas, afirmou, están “a 10 ou 20 metros”.

Os veciños contan, explicou Balado, co respaldo do Concello de Arbo e dos municipios portugueses afectados. De feito, no municipio pontevedrés, fixeron chegar aos grupos municipais unha proposta para tratar de que os deputados no Congreso elixidos por Pontevedra tenten paralizar o proxecto.

“Creo que a vitoria vai ser segura, porque contra a vontade popular non se pode impor”, manifestou este portavoz.

9 de xaneiro de 2014 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.