Un plan de facilidades de pagamento permitirá fraccionar os recibos en oito cotas sen custo ningún

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra activou un plan de facilidades de pagamento para o contribuínte que permitirá fraccionar en 8 cotas sen xuros os recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI), de Actividades Económicas (IAE) e de Circulación de Vehículos.

Trátase dunha medida que, tal e como sinalou o presidente da Deputación na rolda de prensa de presentación desta iniciativa, pretende “dar máis facilidades ós cidadáns á hora de cumprir coas súas obrigas tributarias”, especialmente nunha provincia na que o 90% dos contribuíntes paga os seus recibos no período voluntario, demostrando que se trata “de contribuíntes exemplares e modélicos”.

Este sistema súmase ós dous procedementos que xa existían, como o fraccionamento ordinario, que permite que o contribuínte fraccione os seus recibos pero que ten o inconveniente de que implica o pagamento duns intereses que, aínda que son mínimos, si supoñen un engadido ó custo do recibo; e o sistema especial de pagamento do IBI, que permite pagar en dous prazos, neste caso sen ningún tipo de xuro.

Rafael Louzán incidiu en que o Plan personalizado de pagamento que agora se presenta ten tres vantaxes. Por unha banda “non se cobra ningún tipo de xuro, en segundo lugar permite agrupar os recibos de IAE, IVTM e IBI e xestionalos conxuntamente, como un só -tanto se se trata de recibos dun único concello como de dous ou máis-, de forma totalmente unificada; e o terceiro que permite pagalo en oito cotas mensuais”.

Os contribuíntes que desexen acollerse a este sistema para o presente exercicio fiscal de 2014 poderán facelo durante o que resta de mes e tamén en febreiro. Unha vez solicitado o plan personalizado non terán que renovar a solicitude e aplicaráselles este fraccionamento en todos os exercicios mentres o contribuínte non ordene o contrario.

Os recibos cobraranse a principios de cada mes e o cálculo das cotas farase sumando a contía total dos recibos que se queiran fraccionar e dividindo a cantidade resultante entre oito.

Para poder acollerse a este plan a contía total dos recibos agrupados non poderá ser inferior ós 240 euros, polo que a cota mensual será dun mínimo de 30 euros.

O plan establece ademais, co obxectivo tamén de lle dar facilidades ó contribuínte, que se nalgún momento non se pode pagar unha mensualidade pódense seguir pagando as restantes cotas con normalidade e aboar a cota pendente cando o contribuínte poida. De non se aboar antes, cobraráselle na última mensualidade, sen ningún tipo de recarga.

70.000 recibos

Rafael Louzán subliñou que poderían entrar dentro deste sistema de pagamento máis de 700.000 recibos de 430.000 contribuíntes, cun importe total que rolda os 100 millóns de euros.

A modo de exemplo, o presidente da Deputación lembrou que en 2013 o ORAL xestionou un total de 420.000 recibos de IBI; 3.660 de actividades económicas; e 272.000 de vehículos.

Louzán lembrou, ademais, que o 85% dos contribuíntes dos 54 concellos que teñen delegada a xestión tributaria no ORAL teñen domiciliados os seus recibos.

28 de xaneiro de 2014 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.