O presidente da Deputación de Pontevedra solicitará unha entrevista con Escotet
Quere levar á xuntanza o problema das preferentes, pero tamén as condicións económicas da entidade de cara ó futuro
O titular da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, confirmou esta mañá en resposta a preguntas dos xornalistas que solicitará formalmente unha entrevista co presidente de Banesco, Juan Carlos Escotet, en canto se faga cargo de NGB, nun prazo duns tres meses.
O obxectivo desta xuntanza é darlle resposta ó compromiso adquirido no último pleno cos afectados polas preferentes de abordar este tema directamente con Escotet. Louzán amosou o seu desexo de que, dado que “este non é un tema alleo a Banesco, que xa manifestou o interese en dar unha resposta definitiva a ese asunto”, estea “xa solucionado” neste prazo de tres meses pero, de non ser así “imos mediar para que se lle busque unha solución ó que quede aínda pendente”.
Louzán incidiu en que, ademais da procura dunha solución para os afectados polas preferentes, a Deputación tamén ten un interese directo en manter contacto cos máximos responsables da nova entidade para “coñecer as condicións económicas futuras”, xa que a Administración provincial non só é “a segunda con maior volume de operacións” con NGB senón que incluso hai oficinas da entidade en centros da Deputación coma o ORAL.
Nesta liña, Louzán lembrou a “fe” que sempre demostrou a Deputación “nesta entidade financeira –NGB–, de raíz claramente galega, coa que seguimos a nosa liña de traballo permanente” incluso nos momentos máis difíciles e incidiu en que “a intención é continuar, pero tamén hai que ver as condicións económicas de cara ó futuro”.











