O presidente da Deputación de Pontevedra defende a necesidade dun “Plan Renove” para o sector turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, defendeu hoxe a necesidade dun “Plan Renove” para incentivar a renovación e a adecuación das infraestruturas turísticas.

Louzán, que onte acudiu ó Foro de Exceltur –a asociación de empresarios turísticos máis relevante de España–, destacou hoxe, na rolda de prensa de presentación do Campionato do Mundo de Surf en Pontevedra, que, nesa mesma liña, a Deputación de Pontevedra asinará nas próximas datas un convenio coa presidenta de Paradores de España, Isabel Borrego, para levar a cabo diversas actuacións nos catro paradores de turismo de Pontevedra e, sinaladamente, no de Baiona.

Segundo explicou, o feito de que España desbanque a China do terceiro lugar do ranking mundial de recepción de turistas demostra que o sector é “un piar básico para a recuperación da economía e para a xeración de emprego”.

España bateu o seu récord de chegada de turistas, cos 60,6 millóns de visitantes do ano 2013, e tamén a marca de ingresos, pois, só entre xaneiro e novembro de 2013, os ingresos pola chegada de turistas acadaron os 55.896 millóns, unha cifra nunca alcanzada antes.

Calidade e infraestruturas

Segundo Louzán, as expectativas para o 2014 son aínda mellores, “pero para iso é preciso que as institucións públicas vaian da man do sector, en perfecta coordinación para mellorar as infraestruturas, en moitos casos obsoletas ou desfasadas, e a competitividade”.

A modo de exemplo, sinalou que complexos hoteleiros emblemáticos, coma algúns paradores ou o propio Gran Hotel da Toxa, “necesitan melloras urxentes que poden ser impulsadas a través dun Plan Renove para o sector”.

Eventos para a promoción da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra afirmou tamén que a promoción dunha determinada zona turística “xa non vai ligada a xeitos clásicos de promoción, coma folletos, publicidade, etc., senón a determinados eventos que se celebren”.

Por esta razón explicou que a institución provincial ten unha planificación de eventos para promover as Rías Baixas, “que van dende o Congreso Mundial da Camelia, que se celebrará en Pontevedra do 11 ó 15 de marzo, ata o Campionato Mundial de Surf, do 9 ó 13 de abril, pasando polas dúas etapas da Volta a España, que se celebrará en setembro, e outros eventos que se están ultimando”.

Na súa comparecencia Louzán destacou que as formas de viaxar “xa non son os mesmas que fai 25 anos”. “Hoxe os turistas xa non piden sol e praia senón costa e ocio, teñen estancias máis curtas, viaxan con programación e reservan a través de móbiles, tablets e similares”, afirmou.

Aposta polo turismo cultural

Destacou que a presenza das Rías Baixas en Fitur é unha clara aposta polo turismo cultural, a modalidade que máis gasta e máis ingresos xera ó tratarse dun segmento social de medio ou alto poder adquisitivo.

“Por iso presentaremos dúas novas rutas e dous novos produtos turísticos, que veñen sumarse e diversificar a variadísima oferta da provincia: a ruta dos castelos e a dos xacementos, que serán presentadas o venres 24, ás 12:00 horas, co título Rías Baixas en los albores de la historia en Fitur”, dixo.

A ruta dos xacementos fai un percorrido polos 16 castros que a Deputación está a poñer en valor, cuns traballos de limpeza, sinalización e restauración. Pola súa banda, a ruta dos castelos inclúe os de Sobroso, en Ponteareas, Soutomaior e Salvaterra de Miño, e a reconstrución da fortaleza de Monte Lobeira, entre Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

Smart Destinos e Madrid Fusión

Outra novidade que Pontevedra levará a Fitur será o proxecto Smart Destinos Intelixentes, que, cun investimento de 2,5 millóns de euros, situará a provincia á vangarda dos destinos intelixentes de España, pois só outra provincia leva a cabo unha iniciativa similar. Trátase da creación dunha plataforma, en colaboración cos establecementos hoteleiros da provincia, que posibilita a información en tempo real e un turismo 2.0.

A maiores desta oferta, a provincia de Pontevedra estará en Madrid Fusión do 27 ó 29 de xaneiro. Cada día estará dedicado a unha temática diferente, fusionando produtos tradicionais con novas técnicas de cociña, que interpretan pratos tan típicos coma o cocido, o polbo á feira ou menús elaborados con conservas.

23 de xaneiro de 2014 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.