O novo director de distribución de Unión Fenosa para Galicia, Juan José Picón, reúnese con Cores Tourís

Cores Tourís na reunión con Juan José Picón
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá ao novo director de distribución de Unión Fenosa para Galicia, Juan José Picón.
O delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo xefe do sector de Unión Fenosa para Pontevedra, Fernando Val.
Cores Tourís e Juan José Picón analizaron a situación actual do subministro eléctrico na provincia de Pontevedra e, en especial, destacaron a necesidade de aumentar a colaboración entre administracións e empresa de cara a mellorar as deficiencias existentes en relación ao subministro eléctrico. O delegado territorial deulle a benvida a Galicia aínda que destacou que “é bo coñecedor da nosa comunidade autónoma sen dúbida, xa que é natural de Valga”.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén fixo un chamamento ao novo responsable de Unión Fenosa na comunidade autónoma para o aumento dos investimentos desta entidade na provincia.
José Manuel Cores Tourís destacou a boa disposición por ambas partes por poñer en marcha un procedemento de colaboración máis estreito “polo que manteremos unha nova reunión en próximas datas para matizar máis polo miúdo os temas que hoxe puxemos sobre a mesa”.
De feito, durante a reunión destacaron o investimento levado a cabo no pasado ano dentro do Plan de Calidade 2013 que permitiu destinar máis de 7,3 millóns de euros en melloras de calidade do servizo, das cales o 30% corresponderon á axudas da Consellería de Economía e Industria, 2,2 millóns de euros. “Deste xeito, o obxectivo final, é mellorar a calidade e a garantía do subministro, especialmente no rural galego”, matizou Cores Tourís quen deixou claro que estes investimentos permiten apoiar as empresas do sector para que executen as obras necesarias que solucionen os problemas de calidade no servizo.











