O 7 de febreiro finaliza o prazo para presentar ofertas para a xestión das pousadas do Salnés
venres da vindeira semana, día 7 de febreiro, remata o prazo para que as empresas interesadas en xestionar as pousadas do Salnés presenten as súas ofertas.
A empresa que resulte adxudicataria encargarase da xestión das pousadas da Lanzada (O Grove), Covas (Meaño), A Armenteira (Meis) e Ribadumia, catro establecementos turísticos únicos na provincia. Trátase de centros totalmente accesibles, tanto no que respecta ás súas instalacións coma ós servizos que ofrecen.
As pousadas veñen a dar resposta a un nicho de mercado moi numeroso e que ata o de agora estaba desatendido non só en Galicia senón no conxunto de España, o das persoas con discapacidade, xa que aínda que os establecementos hoteleiros teñen espazos adaptados, adoitan limitarse a un ou dous cuartos.
Isto dificulta, por exemplo, a organización de viaxes en grupo por parte de persoas con mobilidade reducida, que se ven na obriga de se hospedar de forma dispersa por múltiples establecementos.
As Pousadas do Salnés, que contaron durante todo o proceso de deseño e construción coa supervisión e aprobación da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), forman parte dunha aposta firme da Deputación no apoio ás persoas con algún tipo de discapacidade.
Pensando neste colectivo tamén se crearon máis de 50 quilómetros de rutas de sendeirismo accesible, vaise poñer en marcha neste ano un plan especial de emprego e, ademais, tamén se terán en conta á hora de adxudicar a xestión das pousadas, xa que terán preferencia as empresas que primen a inserción laboral de persoas con discapacidade.
Un cento de habitacións accesibles
As catro pousadas contan cun total de 99 cuartos, ademais de servizos complementarios como restaurantes, zonas axardinadas, terrazas, ximnasio, piscina ou salóns, entre outros.
Así, a pousada da Lanzada dispón de 19 dormitorios dobres e 4 dobres convertibles, completamente diferentes e con vistas ó istmo da Lanzada; servizo de restaurante; salón social; zona de vestiarios que estará a disposición dos hóspedes de calquera das pousadas e que pretende facilitarlles o gozo da praia da Lanzada; e zona axardinada, todo completamente accesible.
Na pousada de Covas, en Meaño, hai 21 dormitorios dobres e 3 suites, así como unha adega na que se instalará o servizo de restauración e a cafetería; salón social, con forma circular e un lucernario; zona verde con miradoiros, sendeiros adaptados e unha zona de teatro exterior.
En Ribadumia atópase unha pousada con 26 cuartos dobres, dous deles con terraza; servizo de cafetería e restaurante con terraza; salón social con terraza e 2.165 m2 de zona axardinada, e tamén un pavillón multiusos, pensado para que poida ser utilizado para actos de calquera das pousadas.
Finalmente, a pousada da Armenteira conta con 25 dormitorios dobres e 1 suite con terraza cuberta; servizo de cafetería/salón social e restaurante con terraza, así como unha sala de reunións; zona axardinada e piscina exterior descuberta.
Criterios de adxudicación
A adxudicación realizarase por un período mínimo de 10 anos e un máximo de 20, tendo maior puntuación as empresas que comprometan unha maior vixencia, sempre sen superar os 20 anos.
Outro dos criterios incluídos nos pregos é a porcentaxe dos beneficios que a empresa concesionaria deberá abonar á Deputación en concepto de canon, que en ningún caso poderá ser inferior ó 10%. Canto maior sexa a porcentaxe dos beneficios que a empresa ofreza maior puntuación obterá.
Os pregos recollen tamén a obriga de garantir a apertura dos catro establecementos un mínimo de 220 días –obtendo máis puntuación as empresas que máis días de apertura oferten– e a categoría que a empresa ofreza para o establecemento, que poderá ser de 3, 4 ou 5 estrelas, tendo maior valoración aquelas ofertas que opten por máis categoría.
Outros criterios que se terán en conta é a posta en marcha de programas de fidelización e de desestacionalización turística; o maior ou menor número de servizos ofertados; o cumprimento da Carta europea de turismo sostible; ou os programas de mantemento dos edificios, instalacións e xardíns.
Formación na pousada da Lanzada
Así mesmo, á hora de presentar as súas ofertas, as empresas tamén terán que ter en conta que o prego establece a obriga de que a concesionaria manteña na pousada da Lanzada os programas de formación práctica dos alumnos dos centros de formación regrada de Hostalería e Turismo da Xunta de Galicia que existan na provincia de Pontevedra.
O obxectivo é cumprir co compromiso da institución provincial de seguir mantendo estas instalacións como centro de formación en materia de Hostalería.
Ademais, a empresa concesionaria terá a obriga de obter e manter o distintivo de calidade turística Q para as catro pousadas, en consonancia coa aposta pola calidade turística que a Deputación vén defendendo desde Turismo Rías Baixas.
Así mesmo, deberá someterse ás auditorías e controis que a Administración provincial estime necesarios; colaborar activamente co Observatorio de Turismo Rías Baixas e tamén será a responsable de obter as licenzas e permisos necesarios para a apertura dos establecementos, así como do pagamento de todos os impostos, incluído o IBI.











