Impulso ás asociacións de comerciantes pontevedresas no apoi para dinamizar o sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Sol Vázquez cos comerciantes pontevedreses

Sol Vázquez cos comerciantes pontevedreses

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron esta mañá un encontro de traballo con representantes de centros comerciais abertos e asociacións das prazas de abastos para presentarlles a nova convocatoria de apoios da Consellería de Economía e Industria específica para estas entidades, coas que se impulsa o importante labor que desenvolven na dinamización do comercio de proximidade.

O programa, que vén de ser publicado no Diario Oficial de Galicia e que está dotado con 2,2 millóns de euros, permitirá atraer nova clientela e mellorar os servizos que se ofrecen a través da posta en marcha de campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa.

Tal e como se salientou no encontro, no que participaron representantes do CCU Zona Monumental de Pontevedra, do Consorcio do Comercio do Salnés, do Foro Galego do Comercio e Fecimo e de Fepragal, tamén se concederán axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

As axudas, das cales se beneficiaron na anterior convocatoria 43 asociacións da provincia, poderán solicitarse ata o 24 de febreiro, e poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.

O programa para os centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos enmárcase dentro da aposta polo impulso ao asociacionismo comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, dentro do cal se levan destinado nos últimos cinco anos preto de 9 millóns de euros ás asociacións de comerciantes da provincia de Pontevedra a través de diferentes convocatorias.

Entre os criterios de valoración para acceder ás axudas das que se informou hoxe prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, as actuacións que sexan máis novidosas, que teñan un maior alcance e impliquen un maior número de comercios, así como as que supoñan beneficios para o ambiente ou as familias numerosas.

Ademais do respaldo ao asociacionismo comercial, na estratexia específica da Xunta para impulsar o comercio de proximidade como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas e mellorar a súa competitividade incídese en eixos como o emprendemento, a innovación, o relevo xeracional ou a potenciación das prazas de abastos.
 

31 de xaneiro de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.