Entrega dos carnés de patrón de embarcación de recreo a discapacitados de Náutica en Igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Entrega dun dos carnés

Entrega dun dos carnés

A deputada provincial Marta Iglesias entregou esta mañá sete autorizacións federativas para o manexo de embarcacións de recreo de ata 6 metros de eslora e con motores de ata 53 cabalos a outros tantos discapacitados participantes do curso Náutica en Igualdade.

Os sete títulos correspondéronlles ós membros da asociación de discapacitados Vontade, do Baixo Miño, que participaron xunto a outras 43 persoas nos citados cursos.

O programa, patrocinado pola Deputación, foi desenvolvido en colaboración coa asociación Sodináutica e as federacións galegas  de Motonáutica e de Deportes para Discapacitados Físicos.

A finalidade do proxecto era  eliminar as barreiras e trabas que existían nas instalacións e embarcacións, ademais de servir de actividade formativa e lúdica.

Non é a primeira vez que a Deputación de Pontevedra apoia este tipo de iniciativas xa que o vén facendo desde hai case vinte anos en colaboración coa asociación Sodináutica, primeiro cunha lancha planadora, despois cun pantalán e sempre con cursos de navegación e bautismos de mar.

A asociación Sodináutica é unha entidade galega sen ánimo de lucro que ten por finalidade principal o fomento das actividades náuticas entre  o colectivo de persoas con discapacidade. Foi fundada no ano 1995 por persoas con discapacidade física que teñen ou tiveron vencello profesional ou lúdico co tema mariño ou fluvial. Na actualidade conta con 80 asociados.

Os alumnos agradeceron o interese mostrado pola institución provincial e o labor formativo das asociacións e federacións implicadas. A deputada Marta Iglesias, pola súa banda, animou a todos os participantes a continuar desenvolvendo estes coñecementos adquiridos no río e no mar. “Espero que esta experiencia vos sirva para mellorar as vosas capacidades en igualdade”, comentou.

31 de xaneiro de 2014 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.