Comezan as actuacións de urxencia da Deputación de Pontevedra para reparar os danos causados polo temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra está a levar a cabo intervencións de urxencia para repoñer estragos ocasionados polo temporal en diversas vías provinciais.

A máis importante tivo lugar na Estrada Provincial (E. P.) Ponte do Val-Barcia de Mera, na parroquia de Gargamala, na localidade de Mondariz, onde se afundiu a estrada debido ó derrubamento producido polo temporal. As brigadas de obras da Deputación xa están a limpar o tramo e a intentar repoñer o paso. Pero dáse a circunstancia de que o concurso público convocado pola institución provincial para o ancheamento e mellora desta estrada está na fase de apertura de ofertas polo que a Deputación medita  –en vista de que a vía estará cortada polo menos dous meses para poder reparala– adxudicala para que a empresa gañadora do concurso realice xa a mellora integral do tramo.

O pasado 3 de decembro a Deputación abriu un prazo de presentación de ofertas para o ensanche e mellora da E. P. Ponte do Val-Barcia de Mera, desde o p. q. 1,5 ata o p. q. 2,6, por 573.323 euros. Este tramo ten unha intensidade media de tráfico de 1.500 vehículos ó día. O proxecto da Deputación en curso, a punto de ser adxudicado, prevé ampliar a calzada dos 5 metros actuais ata os 7 metros.

Intervencións máis salientables

As intervencións máis salientables tiveron lugar na E. P. O Marco-Tomeza-Figueirido que, debido ós alagamentos de auga, tivo que ser cortada, o mesmo que sucedeu na E. P. Caldas de Reis-Vilanoviña, onde foi preciso cortar un carril no quilómetro 5, á altura dos Pazos de Lantaño, en dirección a Caldas de Reis.

No concello de Marín, un desprendemento de terra na estrada O Eixo-Santo Tomé de Piñeiro, debaixo da Vía Rápida, provocou o corte dun carril.

Outra grave incidencia ocurreu na E. P. Mané-Rebón, no concello de Moraña, onde un derrubamento ocupou a metade da calzada á altura da ponte de Cornide, e a outra metade presentaba un mal estado.

Na E. P. Ponte Val-Barcia de Mera, no concello de Mondariz, parroquia de Riofrío, lugar de Cernadela, unha bolsa de auga cortou esta estrada que, na parroquia de Gargamala, sufriu un afundimento na calzada.

No concello de Ribadumia, na E. P. Muiños Novos-Tabueiros, inundouse a estrada dende a piscina de Ribadumia ata a gasolineira de Ponte Arnelas.

Finalmente, na E. P. Gondomar-Chaín-Morgadáns, no Concello de Gondomar, un desprendemento de terra, unido ao atranco dun encanamento, provocou importantes retencións de tráfico.

Árbores caídas

As intervencións das brigadas provinciais foron numerosas debido ás caídas de árbores nas estradas que supoñían un gran perigo para o tráfico. Estas incidencias tiveron lugar nas E. P. Villar-Albeos (Crecente), Couso-Angueiros (Campo Lameiro), A Cañiza-Arbo, Caldas-Carracedo-Catoira, Dozón-Rocha, A Estrada-Forcarei (en Guimarei, antes da ponte de Tabeirós), Ponteareas-As Neves, Areas-Alxán-Cabreira (Ponteareas),  Ponteareas-As Neves (en Cristiñade), A Cañiza-Pousa e Mosende-Morgadáns (A Cañiza).

Outras incidencias, coma manchas de gasóleo na E. P. Baiona-Lourenza, ou a presenza dun can morto de gran tamaño en Portonovo, fixeron precisa tamén a intervención das brigadas provinciais.

7 de xaneiro de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.