As confrarías do fondo da ría recibirán 170.000 euros para mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Confraría de San Andrés de Lourizán

Cores Tourís na visita a Confraría de San Andrés de Lourizán

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a sede da confraría de San Andrés de Lourizán en Pontevedra, onde mantivo un encontro coa patroa maior da asociación, quen, a maiores, é tamén presidenta da lonxa de Campelo, María del Carmen Vázquez.

Tamén estivo presente na visita a coordinadora da área de Mar en Pontevedra, Sonia Lorenzo.

Durante este encontro, o responsable da Delegación Territorial aproveitou para anunciar que o pósito de Lourizán recibirá 43.560 euros para a contratación de tres vixiantes durante 12 meses. Tamén a confraría de San Telmo recibirá 50.800 euros co mesmo fin, mentres que a confraría de Campelo contará con 25.783,32 euros para a contratación dunha asistencia técnica que dará servizo ás tres confrarías do fondo da ría de Pontevedra.

Por outra banda, as axudas aportadas pola Consellería de Medio Rural e Mar permitirán destinar 49.468 euros á confraría de Campelo co obxectivo da rexeneración dos bancos marisqueiros de Praceres e do interior da ría de Pontevedra.

“En total, as tres confrarías do fondo da ría recibirán cerca de 170.000 euros destinadas a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros e a xestión e vixilancia”, matizou Cores Tourís.

Durante a visita, a patroa maior da confraría de Lourizán solicitou ao delegado territorial a súa colaboración para conseguir os permisos necesarios dende o Ministerio de Fomento de cara a poder instalar unha reixa na canalización pola que soen entrar os furtivos á praia de Praceres na zona de Malvinas. “O que máis nos preocupa non é só que se leven marisco, senón que se leven o que está catalogado da zona C polo que pode provocar un problema sanitario”, explicou María del Carmen Vázquez.

A maiores, a responsable do pósito tamén solicitou a mediación do delegado territorial para manter unha reunión co presidente de Portos de Galicia de cara a estudar o dragado do río así como con Costas do Estado para a retirada de pedras de “a lo menos dous dos actuais furados cubertos con rocha cos que conta o fondo da ría o que nos permitiría recuperar a dinámica intermareal”, engadiu Vázquez.

Finalmente, tamén demandaron a Cores Tourís a avaliación da utilización da zona inutilizada da antiga autovía a Marín no entorno do nó de enlace coa vía de alta capacidade de Bueu, “xa que alí poderíamos instalar un punto de vixilancia”, matizou a patroa maior, quen, a maiores, solicitou ao delegado territorial que lles axudara a axilizar con Fenosa a instalación de enerxía eléctrica no novo punto de control da confraría “xa que as máquinas de clasificación do produto funcionan de xeito moito máis eficiente se teñen unha conexión trifásica e a que hai no punto de control é monofásica”.

Comarca de Pontevedra

En relación aos dous convenios de colaboración económica que hoxe anunciou o delegado territorial, Cores Tourís destacou que a cantidade destinada a contratación de vixiantes e asistencias técnicas para confrarías dende a Consellería de Medio Rural e do Mar roldará en Galicia os 3,2 millóns de euros, correspondendo á provincia de Pontevedra 1,5 millóns. “A comarca de Pontevedra recibirá algo máis de 207.000 euros do total a nivel provinciais”, explicou o delegado territorial.

A maiores, segundo recordou o delegado territorial, a Consellería do Medio Rural e do Mar destinará 545.000 euros na provincia de Pontevedra á mellora da produtividade dos bancos marisqueiros con perda de produción, “o que supón un 80% do total a nivel autonómico”. Esta liña de axudas destínase a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, co fin de contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

Desta cantidade, 80.000 euros destinanse a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros nas diferentes confrarías da comarca de Pontevedra.

“Os datos aportados demostran a implicación da Consellería coas confrarías da provincia de Pontevedra e, en concreto, coas da comarca de Pontevedra, xa que, en total, entre ambas axudas, as confrarías desta zona percibirán case 300.000 euros”, engadiu o responsable territorial. “A conselleira de Medio Rural e do Mar aposta por este sector que é vital para a nosa provincia, xa que estamos a falar das que soen ser a principais empresas das localidades: as confrarías”.

16 de xaneiro de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.