As brigadas da Deputación de Pontevedra atenderon 40 incidencias en estradas nos 12 primeiros días do ano
As brigadas da Deputación de Pontevedra atenderon nos 12 primeiros días do ano un total de 40 incidencias nas estradas da provincia, practicamente a metade na zona sur.
Os principais motivos de actuación dos equipos da Administración provincial foron a caída de árbores, que deu lugar a 15 actuacións, e os asolagamentos, con 10 intervencións.
Tamén foron abundantes –preto dunha decena– os desprendementos que afectaron as estradas da rede provincial e que requiriron de actuacións urxentes para recobrar a normalidade na circulación. Accidentes de tráfico, fochancas e a presenza de animais na calzada completan a lista de incidencias que foi preciso atender nos comezos deste ano, que se caracterizou polo mal tempo.
Na zona sur produciuse unha vintena de actuacións. O concello da Cañiza foi o que requiriu en máis ocasións a actuación das brigadas, con 5 intervencións, seguido de Salvaterra de Miño, Gondomar e Mondariz; tamén houbo actuacións en Baiona, Crecente, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas e Redondela.
Na zona norte houbo actuacións na Estrada, Dozón, Lalín e Vila de Cruces; mentres que na zona centro foi a comarca de Caldas a que máis veces requiriu a presenza dos equipos da Deputación, que tiveron que acudir ós concellos de Caldas de Reis, Catoira e Moraña. En Arousa houbo actuacións en Sanxenxo e Ribadumia, mentres que no Morrazo as actuacións se limitaron a dúas en Bueu e unha en Marín.
Na comarca de Pontevedra as brigadas interviñeron nestes primeiros días do ano nos concellos de Pontevedra, Campo Lameiro e Vilaboa.











