Apróbase a contratación da reparación dos danos ocasionados polo temporal na estrada Mane-Rebón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra aprobou esta mañá en Xunta de Goberno a contratación, por procedemento de emerxencia, das obras de reparación da estrada de Mané-Rebón no concello de Moraña, que se atopa cortada ó tráfico no seu treito final como consecuencia do derrubamento do terraplén que sustentaba a estrutura da estrada.

Isto supuxo que se afundise unha parte da calzada, quedando a outra moi inestable e con grave risco de afundirse tamén. A derruba produciuse no cruce de Cornide, no entronque coa estrada Xeve-Amil-Espedregueira. Neste tramo vai ser necesario construír un muro de contención, repoñer o terraplén e o firme e consolidar a estrutura da estrada para que non siga esbarrelándose.

Nestes momentos xa se atopan no lugar varias máquinas traballando nas tarefas de limpeza da zona e no inicio da construción do muro.

A urxencia da obra vén determinada polo perigo de que se siga destruíndo a estrada e porque o corte deste treito está obrigando ós vehículos a se desviar por camiños rurais estreitos e en malas condicións.

Proxecto de reforma en marcha

Precisamente –e tal e como lembrou Rafael Louzán na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno– nesta estrada está pendente unha actuación de mellora por un importe próximo ó millón de euros, que foi aprobada no último pleno e que, aínda que non afecta directamente ó treito danado polo temporal, si se executará na mesma estrada e a pouca distancia.

Trátase, concretamente, da modificación do trazado entre os lugares de Paraños e O Vexildo, nun treito que actualmente ocupa 1,2 quilómetros de longo e que quedará notablemente reducido co novo trazado.

Louzán destacou que se trata dunha “variante moi importante”, que vai mellorar a seguridade viaria e o tráfico nunha vía que dá acceso ó santuario dos Miragres de Amil desde o concello de Barro.

Actuacións en Figueirido

Ademais da actuación na estrada Mane-Rebón a Deputación está a preparar o expediente para a contratación doutra obra en Figueirido, na subida ó acuartelamento da Brilat, onde tamén se produciu un derrubamento.

Os traballos que se teñen que realizar son tamén a construción dun muro de contención e a reposición da calzada.

10 de xaneiro de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.