A Xunta de Goberno provincial aproba investir 13 millóns de euros en estradas provinciais, cooperación e subministracións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra aprobou, na Xunta de Goberno desta mañá, investimentos, por un importe de 13 millóns de euros, en estradas provinciais, cooperación cos concellos e subministracións.

Tal e como subliñou o presidente da Administración provincial na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, o obxectivo é acelerar ó máximo os investimentos para “xerar actividade económica e emprego”.

Entre as actuacións aprobadas está a adxudicación de diversas obras, coma o ancheamento e a mellora da estrada Ponte do Val-Barciademera, no concello de Mondariz, que foi adxudicada a Excavaciones y Construcciones Pérez Portela, por un importe de 475.789,11 euros; a mellora do trazado e da seguridade viaria na estrada Callobre-Balboa, na Estrada, por 1,4 millóns de euros, adxudicada a COVSA; e a execución dos traballos de mellora da seguridade viaria na estrada EP-9509 Muíños Novos-Tabueiros (Ribadumia-Cambados), adxudicada tamén a COVSA por 380.798,53 euros.

A estas actuacións hai que engadir a adxudicación, a Construcciones Taboada y Ramos, das obras de mellora da capa de rodaxe e da sinalización horizontal de 14 estradas provinciais da zona norte da provincia. Estes traballos afectarán a vías nos concellos de Cambados, Sanxenxo, Meaño, O Grove, Meis, Vilanova de Arousa, Pontevedra, Caldas, Moraña, Cotobade, Lalín e Rodeiro, e contarán cun orzamento de 573.661 euros.

Así mesmo, aprobouse a contratación, por procedemento aberto, das obras de urbanización da EP-9406, que dá acceso ó mosteiro da Armenteira, por 518.000 euros.

Rafael Louzán indicou que se trata de obras por un importe superior ós 3,3 millóns de euros, e que as que xa foron adxudicadas comezarán a executarse nun período duns 15 días, polo que “van permitir xerar emprego e actividade económica nesas zonas”.

Subministracións

Por outra banda, aprobáronse varios expedientes de contratación para distintas subministracións.

Destinaranse 55.000 euros á contratación das subministracións e á adquisición de equipamento informático para o Concello de Lalín,  e 3,3 millóns para subministracións para o parque de maquinaria da Deputación. Trátase da aprobación do expediente de contrato marco para a adxudicación do aluguer de maquinaria e vehículos de transporte e para a adquisición de material, para que o parque de maquinaria poida atender a rede provincial de estradas.

A Xunta de Goberno aprobou tamén o convenio de colaboración co Concello de Cangas para urbanizar a EP-1001 Cangas-Coiro-Magdalena, na que se investirá un total de 1,3 millóns de euros.

Louzán recalcou que se trata de “acelerar, na medida do posible, o investimento e que isto permita ter emprego e que as empresas xeren actividade económica”.

Cooperación municipal

A estas achegas en subministracións e obras hai que engadir os preto de 5 millóns que se recollen nos tres programas de cooperación cos concellos, cuxas bases aprobou esta mañá a Xunta de Goberno.

Trátase das bases reguladoras para a concesión de anticipos ós concellos, dotado con 1,5 millóns de euros; as correspondentes ás achegas para o financiamento de actividades que se realizan nos concellos, no marco do Plan de Acción Municipal, por outro millón de euros; e as do plan de cofinanciamento dos servizos sociais básicos municipais, por importe de 2,2 millóns de euros.

24 de xaneiro de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.