A nova web da Deputación de Pontevedra recibiu 750.000 visitas nos primeiros nove meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A nova web da Deputación recibiu preto de 750.000 visitas nos seus nove primeiros meses de funcionamento. A nova páxina botou a andar o 10 de abril de 2013, cun deseño máis atractivo, máis interactivo e de fácil manexo para os usuarios, e a 31 de decembro contabilizáranse 739.187 visitas.

Entre os contidos máis demandados estiveron os das seccións de emprego, novas e formación, que ocuparon os primeiros postos, seguidos por deportes, axudas, cultura e turismo e o portal do Boletín Oficial da Provincia, que recibiu 123.854 visitas.

Políticas de emprego

O seguimento da web revela o interese suscitado polos programas que a Deputación de Pontevedra impulsou ó longo do ano para facilitar a inserción laboral dos máis novos, xa que o Plan de Práctica Laboral en Empresas e o Plan de Práctica Laboral en Concellos foron os dous contidos con maior número de consultas, seguido da bolsa de emprego e o apartado de contratacións e interinidades.

Outros dos aspectos que máis interesaron ós cidadáns foron os especiais da Volta; Outono na Deputación e Surf Rías Baixas Pro, coa particularidade de que este último foi o primeiro evento internacional retransmitido en directo desde a web.

Ademais do portal institucional, a Deputación desenvolveu outras 24 páxinas web para diversos proxectos e servizos, como a de Turismo Rías Baixas, que recibiu 207.518 visitas no pasado ano. A información dos concellos e o especial das Illas Cíes foron as que máis atención mereceron por parte dos visitantes dentro da web de Rías Baixas.

O perfil do visitante desta web inclúe persoas dos cinco continentes, aínda que portugueses, franceses, estadounidenses, británicos e arxentinos foron os que máis a visitaron.

O balance de funcionamento da web da Deputación nos primeiros nove meses de funcionamento reflicte tamén que cada un dos visitantes consultou de media tres seccións diferentes e permaneceu na páxina máis de 5 minutos, o que confirma que non “estaban de paso” senón que accederon á web e se interesaron polos seus contidos.

Ademais, no 2013 a Deputación puxo en marcha tamén outras webs, coma  www.caan.depo.es, www.camellia2014.depo.es, www.espirituriasbaixas.depo.es y www.plancultural.depo.es .

11 de xaneiro de 2014 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.