A Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés incrementa a actividade asistencial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés logrou no ano 2013 un incremento moi importante da actividade asistencial, realizando máis intervencións cirúrxicas, máis consultas e máis probas diagnósticas que o ano anterior. O director de Procesos Asistenciais, José Antonio Ortigueira Espinosa, fixo públicos hoxe os datos de actividade de 2013, destacando tamén que a área integrada de Pontevedra e O Salnés presenta os tempos de espera máis reducidos de todo o sistema sanitario público galego, con 35,4 días de demora media para unha intervención cirúrxica e 26,5 días para unha primeira consulta.

En 2013, no Hospital do Salnés e no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra as intervencións cirúrxicas superaron as 25.000, 1.365 máis que o ano anterior, rexistrándose o maior aumento na cirurxía maior ambulatoria, que non precisa ingreso. Ao longo do ano atendéronse 529.059 consultas hospitalarias, 15.878 máis que en 2012. Tamén se incrementaron nun 88% as intervencións de cirurxía menor nos centros de saúde do área integrada, pasando das 852 realizadas en 2012, a 1.608 no último ano.

Consolidación da coordinación asistencial

José Antonio Ortigueira destacou que en 2013 consolidáronse os procesos de coordinación entre os profesionais do Hospital do Salnés, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e dos centros de saúde da área, que permiten mellorar a accesibilidade dá poboación e a eficiencia dás prestacións sanitarias públicas. Entre eles, destacou as vías rápidas de atención ao cáncro, a Telemedicina, a petición electrónica de analíticas desde os centros de saúde e o programa de atención ao paciente polimedicado.

Unha nova vía rápida de atención ao cáncro, dedicada ás patoloxías de Otorrinolaringoloxía púxose en marcha este ano, sumándose ás de mama, pulmón, vexiga e colo-rectal. Ao longo do último ano foron atendidos 1.083 pacientes a través destas cinco vías, que permiten diagnosticar ao paciente con sospeita de padecer cáncro nun prazo inferior a unha semana.

Ás consultas de Teledermatoloxía e Teleoftalmoloxía -que permiten aos facultativos de Atención Primaria enviar telemáticamente imaxes de alta resolución e efectuar interconsultas en tempo real cos especialistas do CHOP e do Hospital do Salnés, sen necesidade de desprazamento dos pacientes- engadiuse este ano á consulta telemática de Endocrinoloxía. Ao longo do ano 2013 realizáronse 1.212 consultas de Telemedicina, un 30% máis que o ano anterior,.

José Antonio Ortigueira referiuse tamén á renovación e actualización do equipamento tecnolóxico de diversos servizos realizado no ano 2013. En concreto en Anestesioloxía, Cirurxía e Dixestivo.

Incremento da actividade global no Hospital do Salnés

Así mesmo, director de Procesos Asistenciais fixo especial fincapé no incremento de actividade global acadado o pasado ano 2013 polo Hospital do Salnés, que refrenda a relevancia sanitaria pública do centro arousán na estrutura de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés.

Durante o pasado ano acadáronse uns resultados que de novo manteñen ao centro sanitario de Ande-Rubiáns destacado dentro dos obxectivos asistenciais da Consellería de Sanidade. O Hospital arousán aumentou en 2013 o seu número de altas -4.864; que son 183 máis que en 2012, cando se tramitaron 4.681-. Atendeu un total de 36.107 urxencias, cunha media de 98,9 asistencias deste tipo ao día e só un 12,5% deses pacientes requeriron un posterior ingreso. Ditas cifras representan un incremento de 868 atencións urxentes con respecto a 2012, ano no que o centro sanitario arousán asistiu 35.239 urxencias, cunha media de 96 urxencias ao día.

Durante o pasado ano realizou un total de 5.000 intervencións cirúrxicas -56 máis que en 2012-, das que 807 foron urxentes e 4.193 programadas. Neste sentido, aumentouse globalmente con respecto a 2012 o número de intervencións cirúrxicas programadas do Hospital do Salnés -as ditas 4.193 fronte ás 4.084 de entón- tanto en franxa de mañá –que ascenderon este pasado ano a 3.677- coma na franxa horaria de tarde –que foron 516 operacións-.

Así mesmo, incrementouse o pasado ano 2013 a cifra de intervencións ambulatorias (sen ingreso) ata as 3.546, chegando a unha porcentaxe do 70,92% da actividade cirúrxica total do Hospital do Salnés, fronte ás 3.501 operacións cunha porcentaxe do 70,81% acadada no ano 2012.

Melloras en estadías, esperas medias e rendemento cirúrxico

No que atinxe á estadía media preoperatoria de pacientes, ésta tamén mellorou o pasado ano 2013, pasando a 0,63 días, cando en 2012 foi de 0,77 días. A espera media cirúrxica global foi de 40,3 días fronte aos 41,6 días de 2012. A espera media cirúrxica para pacientes en Prioridade 1 foi o pasado ano de 7,6 días, unha xornada menos que en 2012, cando se agardaban 8 días no centro sanitario arousán.

O rendemento dos quirófanos do Hospital do Salnés durante 2013 mantivo a súa productividade nun 74,84%, cifra superior á de 2012, que entón acadou un 74,48%.

O número de consultas externas atendidas no Hospital do Salnés o pasado ano foi de 88.543 consultas externas -1.038 máis que en 2012- cunha demora media de primeiras consultas de 27 días fronte aos 30 días que se agardaban en 2012. Así mesmo, a demora media de primeiras consultas preferentes mellorou ostensiblemente o pasado ano no hospital arousán, pasando a 13,4 días despois de ser en 2012 de 18,9 días.

24 de xaneiro de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.