A Deputación iniciará un Plan integral de reparación de estradas provinciais e limpeza de cunetas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, visitou hoxe o concello de Valga para inspeccionar as obras en curso da institución provincial e para estudar novos proxectos na pista de Karting, nas estradas Forno-Senín e N-550, ata a igrexa de San Miguel, e nos aparcadoiros do Centro de Discapacitados e do Auditorio. Valorou tamén a rehabilitación do Edificio de Usos Administrativos e a apertura da Casa Museo Bella Otero.

En Caldas, Louzán entregoulle unha axuda á Residencia de Caldas e anunciou que, en febreiro, a Deputación iniciará unha reparación integral das estradas provinciais, baseándose na planificación establecida no catálogo de estradas, que o organismo provincial presentará proximamente. Esa reparación incluirá o plan de limpeza de cunetas nas 348 estradas de titularidade provincial.

Segundo Louzán, este traballo integral implicará unha nova sinalización e medidas de seguridade, a fixación de límites de tráfico, a homoxeneización dos lombos ou o ancheamento da calzada.

En Valga, acompañado polo seu alcalde, Bello Maneiro, Louzán visitou o aparcadoiro da pista de Karting, que hoxe está bastante deteriorado. A Deputación estuda unha nova intervención, coa construción dun aparcadoiro de vehículos mellor acondicionado e máis sólido. Xa en marzo de 2012 se inaugurou a pista de karting de Valga, situada en Casal de Eirigo, na parroquia de Setecoros. Naquel momento a Deputación de Pontevedra adecentou o contorno e dotouno dunha capa de aglomerado en frío para que servise de aparcadoiro.

Outro dos puntos visitados por Louzán foi a EP Forno-Senín, na que falta por adxudicar a mellora dun tramo dun quilómetro para concluír a reparación integral da estrada. Esta vía xa foi ensanchada e dotada de servizos pola Deputación na maior parte do seu trazado, pero agora completarase o traballo nun tramo dun quilómetro, no que será preciso expropiar unha casa para mellorar a seguridade viaria do trazado.

Na estrada que une a N-550 coa igrexa de San Miguel de Valga, que forma parte da EP Valga-Martores, a Deputación xa lle adxudicou a  primeira fase da obra, que chega ata a igrexa, á empresa Covsa. As obras foron adxudicadas en 314.137 euros e comprenden o ancheamento da estrada, ata os 12.60 metros, e a mellora da recollida de augas pluviais, así como a dotación de servizos.

A institución provincial, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria desta estrada, que nalgúns tramos é excesivamente estreita e conta, ademais, cun pavimento deteriorado, xa redactou o proxecto para a segunda fase das obras, que conectarán a vía coa N-550.

Louzán inspeccionou, así mesmo, os contornos do Centro de Discapacitados e do Auditorio de Candieira. Visitou os centros para avaliar a posibilidade de dotalos de cadanseu aparcadoiro, xa que na actualidade carecen dun lugar de estacionamento axeitado.

Bello Maneiro mostroulle, ademais, ó presidente da Deputación o Edificio de Usos Administrativos. Trátase dun edificio de pedra antigo e considerablemente deteriorado, que se baleirou e que se pretende rehabilitar. A visita serviu para analizar a posibilidade de comezar a traballar nesta rehabilitación, botando a primeira placa, que servirá tamén de suxeición dos muros exteriores.

En canto ó Museo Histórico Local e Casa Bella Otero, Louzán comprobou o estado destas instalacións; no caso do Museo só faltan unhas pequenas actuacións para que poida empezar a funcionar.

16 de xaneiro de 2014 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.