A Deputación de Pontevedra informatizou máis de 1,2 millóns de documentos nos arquivos municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra organizou, clasificou e informatizou máis de 1,2 millóns de documentos dos arquivos municipais de 58 concellos da provincia (exceptuando Vigo, Pontevedra, Marín e Cangas). Trátase dun labor, orientado a conservar a memoria dos nosos municipios e a facilitar a súa consulta por parte dos cidadáns, que están a desenvolver os técnicos do Arquivo provincial, para axudar a conservar a documentación que, ó longo dos anos, se xerou nos concellos e que se segue a xerar.

O ano pasado actualizáronse os arquivos de 24 concellos e de 3 xulgados de Paz, e incorporáronse ós arquivos municipais preto de 60.000 novos rexistros –que identifican documentos ou grupos de documentos–, arquivados en 9.811 caixas ou carpetas de clasificación.

A través deste labor dotáronse os arquivos dos concellos dos elementos informatizados necesarios para facilitar a localización e consulta dos documentos: guía do arquivo; inventario detallado e inventario xeral; ademais dunha completa base de datos con toda a documentación existente. A maioría da documentación que se conserva é contemporánea, dos séculos XIX, XX e XXI. Baiona é un dos poucos concellos que dispoñen nos seus arquivos de documentación histórica, desde o século XIV.

Os concellos con maior base documental son os de Vilagarcía de Arousa (case 100.000 rexistros); Redondela e Nigrán (54.000); Sanxenxo (44.300); e A Estrada (43.500).

20 de xaneiro de 2014 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.