A Deputación de Pontevedra establece un novo sistema para facilitar o financiamento dos servizos sociais comunitarios
A deputada Marta Iglesias e técnicos do departamento de Servizos Sociais da Deputación de Pontevedra mantiveron hoxe unha xuntanza con máis de 50 traballadores sociais dos concellos de menos de 20.000 habitantes, para asesoralos e facilitarlles a tramitación das axudas que a Administración provincial destinará este ano ó financiamento dos servizos sociais básicos, que ascenden a 2.247.530 euros.
Esta xuntanza vén motivada polo novo modelo que a Deputación puxo en marcha para facilitarlles ós concellos a tramitación e para axilizar a concesión das axudas.
Se ata o de agora a achega da Administración provincial se facía baseándose nos convenios individuais con cada concello, nos que o municipio se comprometía a achegar o 20% do custo total dos servizos, agora o que se abre é unha liña de axudas regulada por bases, que non contemplan a obrigatoriedade desa achega do 20%, á que os concellos se poden acoller presentando os correspondentes formularios de solicitude e o proxecto descritivo dos servizos sociais que presta.
A contía das achegas establécese en función de módulos, que se calculan tendo en conta os custos salariais do persoal (segundo o seu perfil profesional, titulación e tipo de xornada laboral) e o material necesario no programa de Axuda no Fogar.
Esta achega permitirá dar cobertura a un servizo coma o de Axuda no Fogar e ós preto de 100 profesionais que desenvolven o seu labor nos servizos sociais municipais, que complementan o labor do traballador social.
O obxectivo da Deputación é que os concellos poidan dispor, canto antes, de liquidez para a prestación destes servizos, que resultan de gran relevancia, xa que se trata de darlles atención ás persoas con maiores necesidades.











