A Deputación de Pontevedra destina 529.000 euros a 440 actividades formativas para asociacións de maiores e mulleres
A Deputación de Pontevedra destina 529.000 euros á organización de 440 actividades formativas dirixidas a asociacións de maiores e de mulleres.
A Xunta de Goberno aprobou esta mañá as bases reguladoras dos programas Pensa en ti e Ti tamén contas, no marco dos cales se desenvolverán estas actividades.
A deputada Marta Iglesias subliñou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, que se trata de dous programas que están a ter un considerable éxito e que cada ano aumenta a demanda de participación, tanto por parte das asociacións que solicitan os cursos coma dos participantes. Así, na edición de 2013 foron máis de 12.000 as persoas de 500 asociacións de toda a provincia as que participaron nestes cursos.
O programa Pensa en ti, dirixido a asociacións de mulleres, contará cun orzamento de 329.000 euros e ofertaranse nel 274 actividades; ofertaranse outras 166 no marco do programa Ti tamén contas, ó que poden acollerse as asociacións de maiores.
Nos dous casos, tal e como salientou Marta Iglesias, ademais da súa función formativa, os cursos teñen un notable “compoñente de socialización”, xa que tratan de evitar o illamento de moitos maiores e amas de casa, ofrecéndolles, no seu contorno máis próximo, actividades que poidan resultar do seu interese e que os “animen a saír da casa, recuperar amizades, relacionarse cos veciños”.
A deputada provincial recalcou que a Administración provincial chega con estes cursos a parroquias, lugares e concellos da provincia nos que ningunha outra entidade ofrece actividades.
Os cursos terán unha duración de 30 horas, dúas horas semanais, e abarcan temáticas que van desde as áreas de traballos manuais, arte e bricolaxe; cociña, agricultura e elaboracións artesanais; desenvolvemento persoal e saúde física e mental; cultura tradicional, música e baile; novas tecnoloxías, cursos de photoshop e retoque fotográfico; informática práctica; idiomas; actividades artísticas; xestión administrativa; técnicas de venda; ou primeiros auxilios.
Unha vez publicadas as bases no BOPPO as asociacións que desexen solicitar algunha das actividades disporán dun prazo de 30 días para facelo.











