A delegación territorial en Pontevedra avalía os danos do temporal nas estradas das comarcas do Condado e A Parandata

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá varios concellos do Condado e A Paradanta para avaliar a situación das estradas desta comarca afectadas polos últimos temporais.

Na visita estivo acompañado polo deputado provincial, Horacio Gil, así como polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez e o xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois.

Os principais problemas atopáronnos na PO-400 ao seu paso polo concello de Crecente e polo de Arbo. No primeiro caso producíronse arrastres de terra e caída de árbores no punto quilométrico dez, mentres que en Arbo, a situación máis preocupante céntrase nun corremento de terra a causa dos últimos temporais.

Neste último caso, os veciños do lugar trasladaron ao delegado territorial a súa preocupación pola situación na que queda o muro que se veu afectado polo corremento de terras.

“Temos medo de que este corremento provocara algún dano no muro e que a pista asfaltada que pasa pola zona superior véxase comprometida”, explicaron os veciños a José Manuel Cores Tourís.

Como puido comprobar o delegado territorial, o muro atópase situado na estrada PO-400, que é de titularidade autonómica, no quilómetro 24. Pola parte superior do muro pasa unha pista asfaltada que dá acceso ao local social de Cequeliños e ao campo das festas. “E o que é máis importante, e o que máis nos preocupa a todos, tamén da acceso ao colexio de Cequeliños, polo que por este vial pasan os autobuses dos nenos”, engadiron.

Ante a situación do muro, os veciños solicitaron ao delegado territorial que se reforzase esta infraestrutura de cara “a evitar un posible risco de desprendemento da pista superior, porque isto non só provocaría perigo para os vehículos que circulen por ela nese momento, senón tamén o illamento desta zona”, remataron os afectados.

O delegado territorial comprometeuse a facer as xestións necesarias para que os técnicos da Xefatura Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas avalíen o estado do muro e tomen as medidas que fosen necesarias.

No resto de concellos, o delegado territorial puido comprobar cómo se produciron caídas de árbores nas estradas en Mondariz, en concreto, na PO-252, en Moscoso, así como arrastres de terra en Maceira, e sumidoiros atascados en Covelo. Tamén na Cañiza, na estrada que leva a Filgueira localizáronse árbores caídos e problemas nos sumidoiros.

13 de xaneiro de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.