A Consellería de Medio Ambiente pide a colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Cervantes para o mantemento das pallozas
A Xunta de Galicia, consciente do valor patrimonial, paisaxístico e cultural das pallozas, está disposta a seguir colaborando -como o fixo dende hai anos- no mantemento destas construcións sempre que tamén o fagan as administracións local e provincial, posto que estas construcións son patrimonio da provincia e do concello, así como de todos os galegos.
O Goberno galego, dende o ano 1998, investiu preto de 1,5 millóns de euros na restauración e mantemento das pallozas. Nos catro anos previos a 2010, durante a época do goberno bipartito, foron destinados un total de 300.000 euros únicamente á conservación destas construcións.
Estas achegas económicas mostran a relevancia que a Xunta lles concede a estas edificacións que constitúen un importante patrimonio en Galicia. Non obstante, cabe precisar que as pallozas tamén están vinculadas á provincia e ao concello, polo que considera que tamén corresponde que estas institución se impliquen coa Xunta nesta tarefa de conservación.
Neste sentido, na próxima semana, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, ten previsto contactar co Concello de Cervantes e coa Deputación de Lugo para articular as medidas que permitan levar a cabo a colaboración entre as distintas institucións para o mantemento das pallozas.