A Asociación Provincial de Perruquerías de Pontevedra presenta as súas necesidades ao delegado territorial

Cores Tourís na reunión coa asociación de perruquerías
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión coas representantes da Asociación Provincial de Perruquerías de Pontevedra co obxectivo de recoller as súas demandas en relación a dignificación da súa profesión.
Á reunión, na que estiveron presentes Ana Barros, María José Castellano e Maika Gay en representación da asociación, asistiu tamén o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como o portavoz do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira.
Os perruqueiros insistiron, ante o delegado territorial, na necesidade de contar cunha normativa propia que permita aclarar as condicións para o exercicio da profesión e que atalle o problema da competencia desleal que supoñen os salón de perruquería clandestinos, en especial, na cidade de Pontevedra.
Durante o encontro co delegado territorial, o portavoz popular de Pontevedra recordou que a asociación xa se reunira o ano pasado coa directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez, quen se comprometeu a canalizar as demandas do sector a través da adscrición deste colectivo profesional a algún departamento autonómico específico ante o que puidesen solicitar información, presentar reclamacións e xestionar solucións para as súas necesidades. “De feito, tras manter unha reunión coa responsable de Comercio, conseguimos o compromiso da administración autonómica de constituír un área concreta que dea o necesario amparo aos perruqueiros”, engadiu Moreira.
“De feito”, explicou pola súa banda Ana Barros, presidenta do colectivo, “hoxe estamos aquí para solicitarlle ao delegado territorial que se axilice a adscrición para poñer fin ao despropósito que estamos a vivir na profesión dende que se derrogou o decreto de 1999 que deixou no aire a regularización da nosa actividade profesional. Isto facilita a proliferación de perruquerías clandestinas en domicilios particulares que son, sen dúbida, unha competencia desleal para quen ten que pagar os seus impostos como nós”.
A maiores, os responsable da asociación provincial tamén buscan, a través da regularización da súa profesión, “a defensa dos usuarios e consumidores, así como o acceso a cursos de formación e a posibilidade de presentarse para obter axudas como asociación por parte das institucións públicas”.
Moirera aproveitou a reunión co delegado territorial para volver a insistir na necesidade de que os concellos sexan os que leven a cabo inspeccións fiscais para detectar estes casos de irregularidades. “No caso da cidade de Pontevedra volvemos a pedirlle ao alcalde que inicie esta inspección para poder sacar á luz as irregularidades, de xeito que se poida exixir a estas perruquerías que se dean de alta no Imposto de Actividades Económicas para normalizar a súa situación, así como que contribúan a economía do concello a través da licenza de apertura, taxas do saneamento e do lixo, auga, etc”, concluíu.











