A asociación Amencer-Aspace disporá dun vehículo adaptado de 30.000 euros adquirido pola Deputación de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra concedeulle unha axuda de 30.000 euros á asociación Amencer-Aspace para a adquisición dun vehículo adaptado, con capacidade para transportar seis persoas en cadeira de rodas.
Con esta achega a Administración provincial pretende facilitar o traballo dunha entidade que o presidente da Deputación, Rafael Louzán, cualificou como “unha das máis relevantes da provincia de Pontevedra”, que resulta “indispensable” polo servizo que desenvolve de axuda e apoio ás persoas con discapacidade.
Pola súa banda, o presidente da entidade, Carlos Godoy, e a xerente, Mónica Touriño, incidiron na relevancia desta achega, que, segundo aseguraron, “cubre o 50% das necesidades de transporte adaptado” da asociación.
Godoy subliñou que a necesidade de dispor de dous vehículos adaptados deriva do cambio de concepción do 065, que xa non fará o transporte regular ós centros de día, polo que son os propios centros os que deben crear a infraestrutura necesaria para prestalo.
Carlos Godoy indicou que, ata o de agora, se transportaban 17 persoas, a través do 065, ós centros de día que Amencer ten en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, polo que, aínda que parte destes usuarios xa poderían ser trasladados cos medios propios dos que dispón a asociación –entre eles unha furgoneta adaptada que a propia Deputación lle proporcionou hai uns meses–, precisan doutros dous vehículos para darlles cobertura a todos.
Por iso, Carlos Godoy recalcou o valor que ten a achega da Administración provincial, coa que, afirmou, “nunca houbo problemas de colaboración senón que empuxan do mesmo carro ca nós”.
Nos últimos tres anos a Deputación concedeulle a esta entidade axudas por importe de 100.000 euros, ós que se suma agora esta achega.











