publicidade hoxe

2.500 persoas visitaron nos últimos 4 meses O Salnés e Caldas da man do programa “Coñece a túa provincia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

As comarcas do Salnés e Caldas recibiron no último cuadrimestre do ano preto de 2.500 visitantes na última edición do programa “Coñece a túa provincia”, que desenvolve a Deputación de Pontevedra e que permanecerá activa ata o 31 de marzo deste ano.

Con estes son xa máis de 18.000 persoas de diferentes puntos da provincia as que tiveron ocasión de coñecer o patrimonio natural, cultural e etnográfico destas comarcas desde que no outono de 2009 a institución provincial comezou a incluír esta parte da provincia nas súas rutas.

As máis demandadas

Nesta edición do mencionado programa inclúense 15 rutas, das cales 3 corresponden á comarca do Salnés e unha á de Caldas.

Así, a coñecida como Ruta marítima -con saída desde O Grove, percorrido en catamarán pola ría de Arousa, degustación de produtos da ría e visita á Illa da Toxa, ó miradoiro de monte Siradella e á praia da Lanzada- é unha das preferidas polos participantes neste programa, que na edición deste ano conta con preto de 18.000 inscritos dun total de 334 asociacións.

Desde que o 31 de agosto comezaron a funcionar estas visitas, na edición de 2013 ata finais de ano foron 950 as persoas que participaron nesta ruta.

Un número moi similar de participantes (955) foron os que elixiron a ruta de Caldas, cunha visita ás fervenzas da Barosa, en Barro, á antiga azucreira de Portas e ó miradoiro do val do Umia, á exposición de Domingo Fontán e tamén ó conxunto histórico, a ponte romana e as termas de Caldas, para rematar no conxunto arqueolóxico de Castrolandín, en Cuntis.

Finalmente, a Ruta enoturística –co seu centro en Cambados e con visitas a adegas, degustación de viño e percorrido polo Museo Etnográfico de Viño–, Barrantes e a Ruta dos muíños, xunto coa do Mosteiro da Armenteira –con visita a este monumento e paseo pola Ruta da Pedra e da Auga, Pazo de Señoráns e monte do Castro– contaron con 220 e 280 visitantes respectivamente.

Deza e zona sur da provincia

Os veciños das comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Vigo e Condado-Paradanta figuran entre os principais demandantes destas rutas.

De feito, nestes 4 primeiros meses de desenvolvemento do programa, veciños da Estrada fixeron media ducia de visitas a rutas do Salnés; de Lalín e Vila de Cruces partiron outras 3 viaxes de cada un; 9 desde Ponteareas e unha vintena desde Vigo.

Tamén veciños doutras localidades elixiron esta ruta, entre outros, da Cañiza, A Guarda, Agolada, Baiona, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, Fornelos de Montes, Cangas, Marín, Mondariz, Mos, O Porriño, O Rosal, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Pontevedra, Redondela, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Silleda, Tui e Vila de Cruces.

Desestacionalización turística e valorización do patrimonio

Desta forma, a Administración provincial procura facilitarlles ós habitantes dos distintos puntos da provincia unha aproximación ó coñecemento do magnífico patrimonio paisaxístico, monumental, histórico, cultural, etnográfico e ambiental que existe nas diferentes comarcas.

Ademais, ó desenvolverse as rutas entre os meses de setembro e marzo, contribúese en boa medida á desestacionalización dun sector estratéxico na provincia, como é o turismo.

4 de xaneiro de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.